Máis de 300 expertos europeos e latinoamericanos participan no X Foro de Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas
Máis de 300 expertos e investigadores europeos e latinoamericanos participan dende este mércores 10 no X Foro de Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas, no seo do que tamén se celebrará o I Foro Iberoamericano de Recursos Mariños e de Acuicultura.
O acto inaugural celebrarase o mércores 10 na Illa da Toxa coa participación do vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o presidente da Fundación Mario Santo Domingo (Colombia), Pablo Obregón Santo Domingo; a reitora da Universidade de Oriente (Venezuela), Milena Bravo de Romero; a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares; o Alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos; e o presidente do Comité Organizador do Foro, o profesor da USC Manuel Rey Méndez.
Ao Foro, que cumpre unha década, asistirán relatores procedentes de Brasil, Chile, Colombia, Irlanda, Italia, Marrocos, Noruega, Portugal, Venezuela e España, para compartir os seus distintos puntos de vista nas cinco mesas de traballo que abordarán temas como marisqueo e pesca de baixura, acuicultura, empresa e recursos, calidade do produto e biotecnoloxía.
Ademais, e de xeito paralelo, por vez primeira realizarase un Foro Iberoamericano en Galicia que analizará en catro conferencias maxistrais os logros e actividades en recursos mariños e acuicultura dos países latinoamericanos, España e Portugal.