Pasar al contenido principal

A danza e a música centran o segundo día da Semana de Benvida organizada por Lugocultural

O Espazo de Danza da Vicerreitoría de Cultura da USC porá en escea este martes, día 16, o seu programa de improvisación ‘Xa que pasas…’ no marco da Semana de Benvida que organiza Lugocultural. Os bailaríns actuarán ás 10:00 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado, ás 12:00 na Escola Politécnica Superior, ás 14:00 en Veterinaria e ás 16:30 horas en Enfermaría.
‘Xa que pasas’, iniciativa posta en marcha a comezos de ano, pretende sorprender en distintos espazos do campus aos estudantes que, de xeito fortuíto, se atopen nese lugar. Procúrase así a democratización do baile dentro da escena universitaria, meta que o Espazo de Danza da USC que dirixe o lugués Juan Carlos Zahera promove nos seus cursos.
Inauguración de ‘Teatro baixo a area’A semana de Benvida ten previsto ademais a inauguración, este martes 16 ás 19:00 horas en Humanidades, da exposición ‘Teatro baixo a area’ que permanecerá nese centro ata o 15 de novembro. Á apertura asisten o decano da facultade, Alexandre Veiga; o escritor do texto da obra ‘Km 526’ que se vai representar no acto, Claudio Rodríguez Fer; o xerente da sede en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; a vicerreitora adxunta de Oferta e Xestión Académica, Begoña Barreiro; e o propio autor da mostra, Mario García Herradón, que presenta as súas fotografías das últimas montaxes do Taller de Arte Dramática da USC no Campus de Lugo, KM 526, e da Compañía de Teatro da USC-Lugo, O público.
Máis danzaA danza volve de novo ás 20:00 horas co espectáculo ‘Danz@rt no palco’ no que catro grupos, entre eles un artista cubano, porán en escea as súas pezas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias.
Concerto do Marcos Teira CuartetoA continuación, e como remate das actividades deste martes, no mesmo espazo da Facultade de Ciencias terá lugar ás 21:00 horas o segundo concerto do ciclo ‘Lubicán’ a cargo do Marcos Teira Cuarteto. Co flamenco como fío condutor, o recital comeza cun só de guitarra (Só) que interpreta Marcos Teira, a quen se engaden os outros compoñentes da banda.
Durante a primeira metade do concerto sucédense as músicas coma se fosen cores distintas, dende os máis impresionistas ata os máis enerxéticos, pasando por temas que melodicamente poden lembrar a música popular galega. A segunda metade comeza cunhas alegrías acompañadas pola percusión e as palmas, momento no que os músicos toman o protagonismo dos temas levándoos ao campo da improvisación. O elegante saxo soprano de Roberto Somoza faise dono da versión por bularías dun estándar de jazz, algo semellante pasa co só que o baixista, Quin García, desenvolve noutras bularías.
Na recta final do concerto recupérase a idea inicial de facer ao flamenco protagonista das influenzas que se foron sucedendo. Deste xeito, chega o cuarteto interpretando paus tan rítmicos como a rumba ou a colombiana. Anticipándose ó remate é á percusión de Carlos Pérez a que brilla intensamente cun espléndido só por bulerías.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.10.2007.