A USC inaugura este venres o Máster en Renovación urbana e rehabilitación
A Universidade de Santiago inaugura este venres, día 19, a terceira edición do seu Máster en Renovación urbana e rehabilitación, que dirixen Idoia Camiruaga e Miguel Taín. O acto de apertura terá lugar ás 18:30 horas no Paraninfo da Universidade presidido polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló Casasús.
Á inauguración asisten ademais o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o xerente do Consorcio de Santiago, Xose Manuel Villanueva; a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda; Encarna Otero; o director xeral de Turismo, Rubén Lois; o director xeral de Urbanismo, Ramón Samuel Lueje; o alcalde de Cacabelos, Jose Manuel Sánchez; o xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Xose María García Palmeiro; e o vogal do Colexio de Arquitectos de Galicia, Vicente Pelaez.
A conferencia inaugural, titulada ‘Marco xurídico da rehabilitación monumental’, correrá a cargo do catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Alacante, Javier García Fernández, que foi secretario xeral do Ministerio de Vivenda e actualmente subdelegado do Goberno en Madrid.
Sesenta alumnosAta o 27 de xuño de 2008 arquitectos, aparelladores, xeógrafos, restauradores e historiadores da arte cursarán este máster no que traballarán sobre proxectos de renovación urbana que responden a problemas actuais dos distintos centros históricos de Galicia. Así, estudarán a rehabilitación de edificios de valor ou catalogados habitados ou baleiros, de conxuntos de edificios de valor cultural, de renovación de tecidos históricos ou, entre outros, de accesibilidade e relación entre os centros históricos e o resto da cidade.