Pasar al contenido principal

Sesenta expertos europeos difundirán as boas prácticas educativas de ensino e aprendizaxe

Este seminario enmárcase no Proxecto Comenius destinado a analizar os mellores proxectos de investigación sobre calidade docente

Co fin de difundir as boas prácticas educativas de ensino, máis de sesenta expertos representantes das Axencias Nacionais Sócrates de toda Europa participarán no seminario internacional ‘Integrando Proxectos Europeos no Ensino e na Aprendizaxe’ que se desenvolverá do 28 ao 30 de xuño no Colexio de Fonseca e na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
O acto de apertura deste encontro, que terá lugar este xoves 28 ás 9:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, contará coa presenza da vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso Fernández; o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez; o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobio; a profesora da USC Carmen Fernández Morante e a investigadora en educación europea, Anne Guilleran.
Despois da inauguración, varios expertos darán a súa opinión sobre os seus proxectos sobre educación para logo ofrecer exemplos das boas prácticas xa contrastadas. No resto das xornadas debaterase sobre os mellores resultados sobre a investigación en educación e constituiranse varios grupos de traballo sobre cómo aplicar estas boas prácticas.
O encontro, enmarcado no Proxecto Comenius, ten como obxectivo identificar os puntos débiles da educación europea e ofrecer exemplos a seguir tendo en conta o uso das tecnoloxías da información e da comunicación. Asemade, a través destas xuntanzas preténdese construír unha rede internacional de profesores e unha plataforma para a súa formación ademais de localizar un software para a ensinanza e a aprendizaxe común.
Proxecto ComeniusFinanciado pola Comisión Europea e coordinado polo Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, o Proxecto Comenius céntrase na identificación de exemplos de boas prácticas educativas obtidas a través de diferentes proxectos de investigación europeos.
Así, no marco deste convenio non só se realizará este seminario internacional para facer públicos os resultados, senón que tamén se elaborará unha guía práctica que achegue aos interesados as boas prácticas destinadas mellorar a calidade da educación en Europa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2007.