Pasar al contenido principal

Clausurada a cuarta edición do máster 'Xénero, Educación e Igualdade'

Coa súa posta en marcha, este máster converteuse no primeiro posgrao dunha universidade galega que abordaba as relacións de xénero

O reitor da USC, Senén Barro; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán Villamarín; e a directora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX), Rita Radl Philipp, clausuraron este xoves no Colexio de San Xerome a cuarta edición do Máster ‘Xénero, Educación e Igualdade’.
Na clausura, Carme Adán subliñou que “vivimos nunha tradición onde os sesgos de xénero existen, e desenmascaralos é un labor a longo prazo”. Neste camiño a USC achega un traballo previo importante, continuou a secretaria de Igualdade, “que se debe estender e trasladar a todas as disciplinas científicas”. Concluíu Carme Adán formulando o desexo de que “sexamos capaces de legar unha ciencia e un coñecemento máis democratizadores e orientados ao benestar da sociedade”.
Pola súa banda, o reitor compostelán subliñou o compromiso asumido pola USC a prol da formación e a educación na igualdade de xénero, fornecidas tamén polo labor desenvolvido no eido da investigación. Barro sinalou tamén a necesidade de “avanzar, portas a dentro, a través da equidade nos equipos de dirección ou da Oficina de Xénero”, entre outras iniciativas.
No mesmo acto, a profesora Rita Radl explicou o contido e alcance do convenio de colaboración asinado recentemente entre a USC e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para a realización de actividades de formación en materia de igualdade de xénero para o presente ano.
Tanto o máster como o CIFEX destacan polo seu carácter pioneiro no ámbito universitario. No caso do máster, porque coa súa posta en marcha converteuse no primeiro curso de posgrao dunha universidade galega sobre as relacións entre xénero, educación e igualdade. Pola súa banda, o CIFEX foi o primeiro e único centro de investigación sobre investigacións feministas e de estudos de xénero existente no contexto galego e un dos poucos no ámbito español.
Segundo puxo de manifesto Rita Radl no acto desta mañá, o máster permite a preparación específica e especializada de profesionais no ámbito das relacións de xénero, educación e igualdade o que “marcou no contexto da nosa universidade un punto de inflexión importante dun proxecto académico que ten os seus precursores nas universidades máis prestixiosas do mundo”.
A problemática de xénero é un campo de estudo que foi paulatinamente institucionalizándose mediante cursos e materias específicas a partir dos anos 80 e dende a metade dos 90, comezando ademais a definirse traxectorias científicas específicas na materia vinculadas con distintas licenciaturas como Socioloxía, Pedagoxía ou Historia e Ciencia Política na Universidade de Frankfurt e na New School of Social Research en New York.
No caso concreto da USC, a primeira e única materia sobre as relacións e roles de xénero foi ata o curso 2000/2001 a de ‘Identidade de xénero e educación’, con máis de 130 persoas por curso, introducida xa hai máis de 12 anos. Trátase ademais da primeira materia existente nunha universidade galega sobre o tema. Dende o citado curso, incluíronse outras tres materias específicas sobre esta disciplina que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación por profesores de equipos de investigación incorporados ao CIFEX.
Neste proceso de evolución académica dos estudos de xénero na USC, Rita Radl destacou tamén a transformación do máster no Programa Oficial de Posgrao en ‘Xénero, Educación e Igualdade’, que inclúe o doutoramento e un máster con dúas especialidades, unha de investigación e outra de deseño e intervención educativa.
O desenvolvemento da cuarta edición do máster hoxe clausurado desenvolveuse no marco do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas en colaboración co Instituto de Ciencias da Educación e co Departamento de Socioloxía. Ademais, a directora do CIFEX lembrou o apoio recibido da Secretaria da Igualdade da Xunta de Galicia a través do convenio asinado entre a USC e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da Concellería da Muller de Santiago, do Concello de Lugo, do Instituto da Muller así como de diversas asociacións de mulleres.
Neste senso, Rita Radl explicou que o convenio renovado recentemente entre a USC e a Vicepresidencia da Xunta permitiu o desenvolvemento das ‘Xornadas de Formación en Xénero’ e do mencionado Programa Oficial de Posgrao que comezará a impartirse a partir do vindeiro mes de outubro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2007.