Pasar al contenido principal

A USC abre a matrícula para a quinta edición do Curso de Formación Básica en Voluntariado

Os universitarios xa poden solicitar praza nalgúns dos programas de voluntariado que se ofertan

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC desenvolverá no mes de novembro, nos Campus de Santiago e Lugo, o V Curso de Formación Básica en Voluntariado que permitirá aos universitarios un mellor servizo na organización non lucrativa na que colaboren e un maior aproveitamento persoal das súas actividades. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 9 de novembro.
O curso, no que o pasado ano se matricularon case mil persoas, está recoñecido con dous créditos de libre configuración sempre que se realicen o 90 por cen do total das horas. As xornadas, que terá lugar os días 9, 10, 11, 16, 17 e 18 de novembro, están destinadas a todas as persoas interesadas en afondar no coñecemento das distintas accións que se están a levar adiante de cara a estimular a participación e o emprendemento social.
As temáticas a abordar incidirán en aspectos relativos á acción voluntaria no ámbito da saúde, habilidades sociais, desordes alimentarios, adiccións e consumos nocivos, sexualidade, voluntariado e integración, maiores, infancia, cooperación ao desenvolvemento e voluntariado ou accións no ámbito ecolóxico e do medio natural. Os contidos dos programas son os mesmos en Compostela e Lugo aínda que a orde de desenvolvemento é diferente para que os relatores principais poidan participar nos dous. As experiencias e propostas das organizacións en cada ámbito correspóndense coas actividades e organizacións que propoñen accións en cada campus.
Programas de voluntariadoOs universitarios que o desexen poden solicitar xa unha praza nalgún dos oito programas de voluntariado que a USC oferta en colaboración con diversas ONG’s e institucións de carácter solidario. Cada un destes programas inclúe á súa vez actividades específicas de cooperación en diversos campos. Así, pódese elixir entre programas con minorías étnicas, con maiores ou menores, accións solidarias no ámbito hospitalario e da saúde en xeral, voluntariado da saúde mental, na Cruz Vermella, no ámbito universitario e moitos máis de temática máis específica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2007.