Pasar al contenido principal

A USC recada 22.000 euros na Olimpíada Solidaria de Estudo, máis do dobre que na edición pasada

O diñeiro destinarase a financiar proxectos en Guatemala, Haití, O Congo e Xerusalén

Na V Olimpíada Solidaria de Estudo que a USC puxo en marcha do 5 de novembro ao 5 de decembro recadáronse un total de 21.938,62 euros, que se destinarán a proxectos en Guatemala, Haití, O Congo e Xerusalén. Esta iniciativa consiste en incentivar o estudo vinculando as súas horas de esforzo á colaboración con proxectos de desenvolvemento. Na Olimpíada Solidaria de Estudo participan máis de 10.000 mozos do Estado a través de salas de estudo e bibliotecas de asociacións xuvenís, colexios maiores e universidades de máis de vinte cidades españolas.
Nos trinta días que durou a campaña, na USC o total de minutos computados foi de 1.316.317 o que supón unha recadación de 21.938,62 € polas mesmas horas, máis do dobre do ano pasado, que fora de 10.000 euros. Participaron 949 estudantes, dos que 628 eran mulleres (66%) e 321 homes (34%). As tres salas máis destacadas por numero de estudantes foron a Biblioteca Xurídica Concepción Arenal (7.016 €), seguida da Facultade de Matemáticas (3.097 €) e de Ciencias Económicas e Empresariais (2..486 €). Sen embargo, a licenciatura máis solidaria sería a de Administración e Dirección de Empresas, cun total de 118 estudantes. Ademais, e segundo o recadado, o martes 27 de novembro foi o día que máis horas se lle dedicaron ao estudo cun total de 1.400 horas.
Proxectos solidariosO diñeiro acadado nesta olimpíada destinarase a financiar un proxecto de capacitación profesional das mulleres maias do Altiplano, en Guatemala; ao equipamento de talleres técnicos das catro escolas ‘Mains Ouvertes’ de Haití; á construción da escola infantil ‘Minzoto’ para nenos e nenas da poboación de Kinshasa (O Congo); e a equipar e capacitar o colexio Nosa señora do Pilar en Xerusalén, onde ademais se construirá un centro cultural.
A Olimpíada está organizada polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC en colaboración coas ONGs Fundación Coopera e Cooperación Internacional. Baixo o lema ‘Non hai axuda pequena’, nesta campaña o recadado será doado polas empresas e institucións patrocinadoras para os devanditos proxectos.
Para esta quinta edición, tanto en Santiago como en Lugo habilitáronse varias salas de estudo. En Compostela os universitarios dispoñían das bibliotecas das facultades de Ciencias da Educación, Económicas, Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia, Filosofía, Química, Ciencias Políticas e Sociais, Matemáticas, Física, Psicoloxía, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas bibliotecas Xeral e Concepción Arenal. En Lugo, habilitáronse aulas na Biblioteca Intercentros, na Facultade de Veterinaria e na Escola de Formación do Profesorado.
O mecanismo para facer o cómputo final de horas levábase a cabo mediante a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), que era preciso pasar polo ordenador preparado ao efecto cando a persoa entraba e cando saía da sala de estudo. Non se computaron períodos superiores ás tres horas consecutivas de estadía no local.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2007.