Pasar al contenido principal

O Seminario Vidal Abascal prosegue a súa programación cunha conferencia do catedrático da Universidade de Granada Alfonso Romero

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Granada, Alfonso Romero, pronunciará este xoves 7 nunha nova sesión do Seminario Vidal Abascal a conferencia ‘Unha aplicación da fórmula de Bochner-Lichnerowicz ao estudo de hipersuperficies espaciais de curvatura media constante’. A intervención comezará ás 16:30 horas na Aula 7 da Facultade de Matemáticas.
Alfonso RomeroO labor investigador do profesor Romero céntrase na xeometría Lorentziana, sendo un dos principais impulsores do seu estudo en España. Ademais, dirixiu varias teses de doutoramento e publicou artigos de investigación en revistas internacionais de coñecido prestixo (Mathematische Annalen, Geometriae Dedicata, Proceedings of the American Mathematical Society, Bulletin of the London Mathematical Society, ou a Transations of the American Mathematical Society, entre outras).
Alfonso Romero mantén colaboracións cos principais investigadores internacionais en xeometría Lorentziana e, de xeito especial, con grupos de investigación de distintas universidades españolas, entre as que se atopan a USC.
Do mesmo xeito, ten desenvolvido un amplo labor divulgador tanto escrito, a través da Gaceta de la Real Sociedad Matemática Española, como en calidade de conferenciante. Nesta última faceta o catedrático de Granada participou recentemente na programación do ciclo de divulgación científica ‘Unha Andaina pola Matemática 2007’. Ademais, formou parte recentemente do Comité Científico do “IV International Meeting on Lorentzian Geometry” (Santiago de Compostela, febreiro 2007) e foi presidente do Comité Organizador do “International Seminar on Applied Geometry” (Granada, setembro 2006).
O Seminario Vidal AbascalO seminario do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC cambia o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do citado Departamento e da Facultade de Matemáticas de Santiago, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.06.2007.