Pasar al contenido principal

Xogos en liña, cuestionarios e unha banda deseñada para ensinar aos rapaces que é a SIDA e como se contaxia

O Seminario Mulleres e Universidade da USC elaborou a páxina educativa 'SIDA, por unha vez si que pode pasar algo'

O web ‘SIDA, por unha vez si que pode pasar algo’ é un proxecto educativo que a través dunha banda deseñada explicativa, un cuestionario e varios xogos tipo arcade pretende sensibilizar e informar sobre a SIDA. Dirixido aos adolescentes, a páxina mestura información e diversión, á vez que acaba cos mitos que xorden arredor desta epidemia.
O Seminario Mulleres e Universidade da USC presentou o web este martes nun acto público ao que asistiron o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; a subdirectora xeral de Ordenación Educativa, María Victoria Navaza; a coordinadora do Seminario de Mulleres e Universidade, Monserrat Nogueira; e a integrante da mesma agrupación, Elena Vázquez.
Esta primeira versión será mellorada nos institutos de educación secundaria coa participación dos orientadores e do alumnado, para o que se escolleu unha mostra de trinta centros galegos tratando de que se vira representada a distinta tipoloxía do adolescente galego. A información aportada por estes centros ata xaneiro de 2008 permitirá a mellora do xogo para así poder ter a disposición de toda a comunidade educativa unha versión definitiva a comezos do próximo ano.
‘SIDA, Por unha vez si que pode pasar algo’ contén unha banda deseñada que informa sobre a enfermidade e a súa transmisión e o xogo ‘Matar ao virus’. O ‘Cuestionarix’ consiste nunha serie de preguntas relacionadas coa enfermidade e en ‘Virtrix’ emúlase o popular xogo Tetris pero usando virus en vez dos cadrados.
Asemade, o web recolle un clásico arcade de desprazamento vertical onde a nave trata de eliminar unha serie de virus que circulan pola corrente sanguínea, disparando sobre eles. Os virus baixan en grupos de diferentes configuracións. Ao rematar a partida, unha médica comenta a puntuación obtida polo xogador.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2007.