Pasar al contenido principal

O III Máster en Edición da USC formará aos titulados nun sector que conta con máis de 2.700 entidades funcionando

O III Máster en Edición 2007-2009, dirixido pola catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea, formará de novo aos titulados interesados nun sector que conta con máis de 70.000 títulos publicados no último ano por máis de 600 entidades editoriais públicas e preto de 2.100 empresas privadas.
Por iso, á hora de organizar este posgrao, os seus responsables tomaron en consideración o feito de que a formación no eido editorial, con enorme importancia no seo da industria da produción cultural, permaneceu tradicionalmente á marxe da formación superior e universitaria e que, na actualidade, moitos dos seus profesionais soen ser autodidactas que desenvolven o seu coñecemento sobre a práctica laboral diaria.
Programa do másterCo fin de mellorar a preparación dos profesionais deste sector, o máster recolle no seu programa doce módulos nos que se abordan cuestións como a historia do libro, os conceptos editoriais, a labor de editor e todos os procesos da produción editorial.
Na mesma liña, o programa contempla o uso das novas tecnoloxías neste eido profesional ensinando deseño das obras, edición dixital e multimedia. Así mesmo, a economía editorial, a situación do sector en Galicia, o dereito editorial ou a comercialización, distribución e promoción do libro son outros dos aspectos a estudar nestas sesións académicas. Finalmente, como peche do programa, os estudantes deberán realizar un proxecto fin de curso e prácticas tuteladas en empresas do sector.
No posgrao participan como docentes cualificados profesionais, de Galicia e fóra dela, dos máis variados campos que atinxen á produción editorial, técnicos editoriais, distribuidores, promotores culturais, historiadores do libro, libreiros, impresores, deseñadores, maquetistas, editores privados e públicos, tradutores, informáticos, especialistas en edición dixital, escritores, ou ortotipógrafos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.07.2007.