Pasar al contenido principal

A USC e Caixanova asinan un convenio para a catalogación da obra antolóxica do pintor Tomé

O traballo quedará recollido nunha mostra que se inaugura este xoves 12

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o subdirector xeral de Caixanova, Luis Vela Alarcó, asinaron este luns un convenio de colaboración cultural para a catalogación da obra antolóxica do pintor Tomé. O acto de sinatura celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
Este traballo conxunto entre ambas as dúas entidades, para o que Caixanova achegará 15.000 euros, terá a súa primeira manifestación nunha mostra organizada pola USC a través da Vicerreitoría de Cultura que permanecerá aberta ao público entre os días 14 de xullo e 8 de outubro.
Tomé antolóxicaA mostra ‘X.M. Tomé. Antolóxica’ recolle por primeira vez unha antolóxica da súa obra composta por 66 pezas de diferentes técnicas, estilos e tamaños que permitirán ver a evolución artística deste pintor (1942-2005) que chega a Santiago en 1960 para cursar estudos de Medicina. Tomé pronto destacou polos debuxos comezando así a ser coñecido como pintor para, en 1971, expoñer por primeira vez.
A década dos 70 foron para Tomé anos de procura dunha estética persoal nos que evoluciona desde uns pequenos debuxos á prumiña de paisaxes e escenas costumistas ata desembarcar nunha figuración neoexpresionista, de carácter tenebrista nos que comeza a tomar forma a súas galerías de personaxes e cabezas solitarios e agrupados.
Neses anos traballa tamén con outra serie de obras próxima á temática surrealista, realizadas a partir dunha táboa con materia pictórica á que lle prende lume para, tras apagalo, acabar atopando nas manchas deixadas inesperadas sorpresas. Son acrílicos e óleos queimados que se moven nunha gama cromática escura.
A inicios da década dos oitenta destaca na obra de Tomé a aparición de novas cores como azuis, verdes e laranxas, e a mediados desa década comezará a empregar chamativos vernices no seu empeño persoal de experimentar con novas solucións e, o mesmo tempo, a necesidade de conservar e evitar a destrución da súa obra.
A segunda metade dos 80 son anos nos que a influencia de Bacon é notoria. Van desaparecendo as figuras decantándose progresivamente pola abstracción redonda, na que unhas formas ao principio recoñecibles (corpos, bodegóns ou pedras) deixan paso a un mundo de néboas cheo de suxestións.
Nos 90 vai descompoñendo as formas e substitúe o lenzo tradicional por outros soportes máis alternativos como cartóns ou papeis pintados, e mesmo telas de sacos ou arames, nos que plasma unha estética cubista.
Os anos finais dos 90 e ata o seu falecemento en 2005 é unha etapa moi próxima ao informalismo dos anos 50. As experiencias de Miralles ou do grupo Dau al Set son fundamentais para comprender os últimos anos da súa produción.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.07.2007.