O reitor Senén Barro falou en Chile do proxecto educativo das Universidades
O reitor da USC, Senén Barro, asiste estes días en Santiago de Chile ao seminario internacional ‘A educación superior: antecedentes e perspectivas’ que organiza o Centro Interuniversitario de Desarrollo (CINDA). No encontro estase a analizar polo miúdo un informe sobre a educación superior en Iberoamérica elaborado pola institución organizadora e que será publicado proximamente.
No marco do seminario, Senén Barro interveu cun relatorio sobre o proxecto educativo das Universidades no que remarcou como principais contribucións dos sistemas de educación superior o favorecemento da integración e cohesión das Universidades e a axuda ao crecemento e á competitividade das economías nacionais e ao fortalecemento e perfeccionamento das institucións. En todos estes ámbitos, indicou Barro, o espazo iberoamericano no seu conxunto “leva un retraso significativo, inda que con diferenzas locais importantes”.
Falou o reitor compostelán das responsabilidades da Universidade para a sociedade e para as persoas, salientando a importancia da calidade na docencia, na investigación e nos servizos, beneficiando aos grupos de interese cos que interactúa, así como a necesidade de que as institucións de educación superior se preocupen polas condicións de traballo e de estudo e calidade de vida da comunidade universitaria. Sinalou ademais como misións das Universidades a educación, a investigación e o emprendemento integral responsable.
Na súa intervención, Barro analizou tamén o desenvolvemento universitario en Iberoamérica, advertindo un “fortísimo” incremento e diversificación das institucións de educación superior. Neste contexto, e na disxuntiva sobre a educación superior como ben público ou como servizo mercantil, o reitor compostelán salientou a necesaria responsabilidade das Universidades na cobertura das demandas de oferta educativa, de formación permanente, de especialización, de I+D e de servizos “que nos demanda e que necesita a sociedade”.
O CINDAO Centro Interuniversitario de Desarrollo (CINDA) é unha rede creada en 1972 que agrupa a trinta prestixiosas universidades de Europa e América Latina coa fin de promover a cooperación das Universidades co desenvolvemento dos países.
En outubro de 2006, a súa xunta directiva celebrou en Santiago de Compostela a súa 39ª reunión coa presenza de reitores e representantes de Universidades de Arxentina, Bélxica, Brasil, Colombia, Costa Rica, Chile, Ecuador, España, Italia, México, Perú, República Dominicana, Venezuela e Panamá.
Visita institucionalAproveitando a súa viaxe a Chile, o reitor Senén Barro reuniuse co seu homólogo da Universidade Pontificia Católica de Valparaíso, Alfonso Muga, institución coa que a USC mantén estreitos lazos de colaboración.