O Consello de Goberno da USC trata a Programación Plurianual e o Plan Estratéxico das TIC para o período 2007-2010 na xuntanza prevista para este xoves
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago celebrará este xoves 19 unha xuntanza na que, entre outros puntos da orde do día, tratará a Programación Plurianual da USC así como o Plan Estratéxico das TIC para o período 2007-2010 (PETIC II). A xuntanza comezará ás 9:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
Outros puntos que se deberán abordar nesta xuntanza son os relativos á normativa provisoria de creación e supresión de departamentos, modificacións puntuais da RPT funcionario e laboral, a aplicación de táboas de afinidade nos procedementos de selección do Persoal Docente e Investigador Contratado, contratos e prórrogas de profesorado asociado e Asociados de Ciencias da Saúde, a modificación dos planos de estudo de Farmacia e de Enxeñaría Técnica de Informática de Sistemas ou a modificación de Programas Oficiais de Posgrao.
O Consello de Goberno da USC tamén tratará aspectos relativos a comisións de servizo e prórrogas, prazas de profesorado, cursos de posgrao propios, acordos de interese mutuo cos departamentos, a proposta da USC de patróns para a Fundación USC Deporte ou a aprobación da modificación da normativa para a selección de bolseiros con cargo a proxectos/contratos de investigación.
Completan a orde do día a proposta de licenza dunha patente da USC á empresa biotecnolóxica Advancell SL, recursos ou a ratificación dos regulamentos de réxime interno da Facultade de Matemáticas e do Departamento de Enfermaría.
UnixestNa mesma xornada, a Sociedade Xestora de Intereses da USC (Unixest) celebrará unha Xunta Xeral na que se procederá ao nomeamento de novos membros do Consello de Administración e á aprobación das contas de 2006. Esta xuntanza dará comezo ás 13:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.