Pasar al contenido principal

Os servizos audiovisuais das Universidades españolas constitúense en asociación profesional

Os Servizos Audiovisuais Universitarios Españois (SAVUES) reuníronse a pasada semana en Santiago nunha xuntanza organizada polo Servizo de Medios Audiovisuais (Servimav) da USC e na que participaron representantes de toda España. No encontro procederon á creación da Asociación da Rede de SAVUES que integrará a todos estes profesionais co fin de difundir os contidos audiovisuais universitarios e de centros de investigación a través de diferentes canais.
O Servimav da USC será a sede social da asociación, cuxo presidente será Miquel Francés, da Universidade de Valencia. A xunta directiva estará composta ademais por Olegario López, da Universidade de Barcelona, como vicepresidente; Ángel Fagilde, director do Servimav da USC, secretario; Miquel Oliver, da Universidade das Illas Baleares, tesoureiro; e Enric Pérez, da UAB, vocal primeiro. Asemade, na xuntanza foron creadas as comisións de Relacións Institucionais, de Proxectos, de Formación e de Asuntos laborais e profesionais.
As xornadas SAVUES celébranse desde hai máis dunha década como foro de actualización profesional e posta en común dos servizos audiovisuais universitarios de España. Nelas, os profesionais do medio audiovisual expoñen as súas inquedanzas e preocupacións e comentan os últimos avances no eido tecnolóxico que lles afecta.
O Servimav da USCO Servizo de Medios Audiovisuais da USC pretende potenciar coas modernas tecnoloxías a docencia e investigación, así como incentivar a produción e difusión de documentos didácticos, educativos e culturais. Ocúpase ademais do mantemento técnico e a custodia dos fondos audiovisuais da USC.
A tal fin, presta servizos de produción audiovisual e multimedia para os membros da comunidade universitaria á vez que apoia con tecnoloxía audiovisual á investigación. Asesora ademais á Universidade na adquisición e utilización de novos equipos audiovisuais e na creación de proxectos multimedia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.07.2007.