Finaliza o primeiro prazo de matrícula nos estudos de especialización en avogacía, procuradoría e práctica xurídica
A Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela, dependente da Universidade e dos Colexios de Avogados e de Procuradores da cidade, pecha o vindeiro venres, día 27, o primeiro prazo para a preinscrición e matrícula na 23ª edición dos Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica.
Dirixido a alumnos e licenciados en Dereito, nestes estudos, ademais de ofrecerlles unha formación eminentemente práctica, proporcionaráselles contactos profesionais proveitosos para iniciarse na profesión xurídica e facilitaráselle unha formación práctica no ámbito xurídico, complementaria aos estudos que ofrecen as Facultades de Dereito.
O curso, que se desenvolverá de outubro de 2007 a xuño de 2009 cun número de horas superior ás 2.400, contempla a realización de prácticas externas nos servizos xurídicos de administracións públicas, órganos xudiciais e despachos de avogados e procuradores. Asemade inclúense visitas de traballo a centros de detención e prisión, rexistros e notarías, así como prácticas de consultaría xurídica e con avogados da quenda de oficio, tramitación simulada de xuízos, visitas a institucións xudiciais en Madrid e a institucións comunitarias en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo.
As clases serán impartidas por máis de cento cincuenta profesionais de recoñecido prestixio e experiencia, entre os que se atopan avogados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais e da administración local, procuradores, notarios, rexistradores, inspectores de facenda e de traballo, letrados de administracións públicas, profesores de universidade, médicos, policías, funcionarios de prisións, economistas, filólogos e informáticos.
Logo de ter superado o curso, a Escola de Práctica Xurídica expedirá o título propio universitario de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica, sendo a de Santiago a única Escola galega cuxos estudos teñen rango universitario e das poucas no ámbito estatal; o Certificado de Aptitude Profesional expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española e o Consello da Avogacía de Galicia; e outorgará ademais mérito preferente para o acceso á quenda de oficio dos colexios de avogados de Galicia.
Bolsa de traballoA Escola de Práctica Xurídica de Galicia dispón dun departamento que canaliza as ofertas de traballo procedentes de ex alumnos, despachos, empresas e administracións públicas. Conta tamén cunha base de datos, de renovación semanal, na que se recollen as ofertas de emprego publicadas nos diarios oficiais e privados.