Pasar al contenido principal

Os últimos adiantos e estudos sobre toxicoloxía en España daranse a coñecer nun congreso da Facultade de Medicina

Para facilitar a colaboración e o intercambio de coñecementos entre expertos internacionais, o XVII Congreso Español de Toxicoloxía achegará os últimos adiantos e estudos sobre esta disciplina científica. O encontro, organizado pola USC en colaboración coa Asociación Española de Toxicoloxía, terá lugar do 26 ao 28 de setembro de 2007 na Facultade de Medicina da USC.
En xeral, nas xornadas trataranse sen ningún tipo de restrición aspectos relacionados coa toxicoloxía clínica, métodos alternativos, seguridade alimentaria ou riscos químicos no traballo. Ademais, os expertos tamén debaterán sobre as cuestións máis actuais no eido da toxicoloxía forense, veterinaria, ambiental e experimental.
Programa do encontroOrganizado cunha periodicidade bianual, o congreso dará comezo o mércores 26 cunha conferencia inaugural sobre as novas tendencias no análise de drogas de abuso que pronunciará o doutor Marylin Huestis. Deseguido, a Facultade de Medicina acollerá unha mesa redonda sobre aspectos forenses na análise de drogas de abuso.
No transcurso do encontro analizarase tamén a recepción de mostras nun laboratorio de toxicoloxía forense, os tratamentos de deshabituación alcohólica ou as características epidemiolóxicas dos mortos por reacción aguda a drogas de abuso. Así mesmo, falarase sobre toxicoloxía ambiental profundando nas repercusións da Lei de Prevención e Control Integrado da Contaminación ou sobre contaminantes varados nas costas españolas.
Como mellorar no servizo de urxencias dos hospitais a calidade da asistencia aos doentes con intoxicacións agudas será a cuestión a tratar noutra mesa redonda nunha xornada na que se abordará a importancia dos recursos informáticos na toxicoloxía clínica, as intoxicacións por drogas ilegais ou a toxicidade para a reprodución.
O congreso rematará o venres 28 cunha sesión dedicada á toxicoloxía veterinaria e á docencia no contexto europeo. Entre outras, as conferencias versarán sobre a responsabilidade veterinaria na avaliación europea de substancias químicas, medicamentos, biocidas e substancias REACH.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.07.2007.