O primeiro premio do concurso 'Como te imaxinas na USC' na súa modalidade de relato curto foi para unha alumna de Bacharelato do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense
O xurado do concurso ‘Como te imaxinas na USC’ na súa modalidade de relato curto decidiu outorgarlle o primeiro premio á estudante de 2º de Bacharelato do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense, Alba Cid Fernández, polo seu traballo ‘A raiola precisa’ no que destaca, ademais do manexo da lingua literaria, “o seu elemento lírico e os orixinais paralelismos das emocións coas expectativas da vida universitaria”. O xurado tamén decidiu conceder unha mención de honra á obra “Dende o asento” de Nerea Sarmiento Carrera, que cursa 2º de Bacharelato no Colexio Santa Teresa de Jesús de Ourense. Deste traballo o xurado destaca “a precisión da linguaxe e o acervo de lecturas que transluce o conto”.
O concurso “Como te imaxinas na USC?” na súa modalidade de relato curto, organizado polo programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, estaba dirixido a estudantes de 4º da ESO, ciclos formativos e 1º e 2º de Bacharelato de todos os centros de ensino medio galegos. O seu obxectivo é coñecer a visión que os estudantes teñen sobre os diferentes aspectos da vida universitaria e que a través da redacción dun relato curto manifesten as súas inquedanzas académicas e profesionais.
Os premios entregaránselles aos gañadores durante a celebración do “Acto de Recoñecemento aos mellores estudantes de centros de Ensino Medio de Galicia nas PAAU 2007”, que terá lugar o día 20 de xullo, as 18:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela.
O XuradoPresidido polo profesor de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da USC, Juan Casas Rigall, o xurado estaba conformado ademais polo coordinador de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da USC, José Pereira Fariña; o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Bermúdez Blanco; o profesor de Lingua Castelá, Literatura Universal e Latín do Colexio Apostol Santiago de Vigo, Emilio Nieto Costas; e pola profesora de Lingua e Literatura Castelá do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Margarita Prado Fernández.
Os relatos non podía superar a extensión máxima de tres folios e na selección do gañador valorouse a capacidade creativa e expresiva do estudante. Os traballos ademais viñan obrigatoriamente acompañados dun texto complementario no que se explicaban as razóns da elección temática, a xustificación das técnicas empregadas e o proceso seguido para realizar o traballo. Tívose especialmente en conta ademais da corrección lingüística, a imaxinación e orixinalidade dos relatos, de xeito que se valoraron aquelas historias que mais explotaban os aspectos creativos da Universidade en canto que institución dinámica e moderna ou as múltiples facetas da vida na Universidade, dende a visión de mozos e mozas.
Con esta iniciativa, a USC desexa coñecer as preferencias dos seus futuros alumnos para artellar os mecanismos necesarios que dean resposta ás súas expectativas. Abre ademais unha canle a través da que os estudantes opinen sobre todos os aspectos referidos á universidade, aportando suxestións para explotar mellor os múltiples recursos educativos que existen nos campus da USC e que configuran os diferentes aspectos da experiencia de seren universitario.