Pasar al contenido principal

A soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Amoedo, no primeiro concerto do curso de verán sobre Pascual Veiga

O programa do curso de verán ‘Visións de Galicia no centenario de Pascual Veiga’ que comeza este mércores, día 12, inclúe unha serie de concertos paralelos que axudarán a ilustrar o contido dos seminarios. Todos os recitais desenvolveranse ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade, con entrada libre.
O primeiro concerto, o deste mércores 12, leva por título ‘A canción galega’ e será interpretado pola soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Amoedo. No recital escoitaranse pezas de Marcial del Adalid, José Castro (Chané), Angel Rodulfo, Canuto José Berea Rodríguez, Juan Montes Capón e José de Baldomir.
Teresa NovoaTeresa Novoa, natural de Ponteareas (Pontevedra), estudou con Raimunda Lusquiños en Galicia e con Pedro Lavirgen en Madrid, conseguindo varios premios de honra. Ampliou estudos con mestres de sona como Monserrat Caballé, Jaume Aragall, Daniel Ferro, Ileana Cotrubas, Ian Baar, Félix Lavilla e Miguel Zanetti, entre outros. O seu repertorio é extenso e abrangue dende a música barroca á contemporánea. Participa activamente en producións de ópera e zarzuela e en ciclos de música sacra por Europa (España, Francia, Italia, Alemaña,, Portugal, Iugoslavia, a Gran Bretaña.etc.) e América (Cuba, Venezuela, Arxentina e Brasil). Traballou baixo a batuta de prestixiosos directores como Peter Maag, Víctor Pablo Pérez, Enrique García Asensio, Antonio Ros Marbá, Miguel Roa, Enrique Ricci, Tulio Galiardo, Miguel Groba, Joám Trillo ou Ferreira Lobo. No ano 2001 foille concedido o Premio Nacional de Música polo seu relevante labor artístico.
Alejo AmoedoNado en Redondela, Alejo Amoedo realizou os seus estudos musicais nos conservatorios de Pontevedra, Santiago e Vigo, onde finaliza coas máis altas cualificacións os seus estudos superiores. Baixo a dirección do prestixioso Miguel Zanetti especializouse en acompañamento vocal en Madrid. Foi profesor titular no conservatorio de música de Porriño e exerceu de pianista acompañante nos conservatorios estatais de Pontevedra e Vigo así como na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo de Porto (Portugal) . Actualmente exerce como pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Forma así mesmo dúo co pianista Carlos Pérez, co que ten acadado importantes galardóns nacionais e internacionais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.09.2007.