A pianista Alicia González Permuy ofrece este xoves un concerto na Igrexa Universitaria
‘O piano galego romántico e de vangarda’ é o título do segundo concerto programado no marco do curso de verán ‘Visións de Galicia no centenario de Pascual Veiga’ que se desenvolve esta semana na Facultade de Xeografía e Historia da USC. O recital deste xoves, día 13, terá lugar ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade da man da pianista Alicia González Permuy, que interpretará pezas de Marcial de Adalid, Andrés Gaos e Rogelio Groba.
Alicia González Permuy naceu en Lalín, onde comeza a estudar piano e violín á idade de sete anos. A partir de 1995 estuda na Escola de Música de Barcelona con Albert Giménez Atenelle e Jordi Molla e asiste a diferentes cursos con Irina Zariskaya, Manuel Carra, Almudena Cano e Josep Colom, entre outros.
En 1999 acada unha bolsa da Deputación da Coruña e trasládase a Holanda para realizar os estudos de posgrao no Brabants Conservatorium de Tilburg que remata en 2002 con distincións académicas. Alicia González conta con numerosos galardóns, entre os que destaca o 3º Premio no II Concurso ‘Ciudad de Segovia’ (1994), 3º Premio no II Concurso Internacional de Piano (Berga, 1997), finalista do III ciclo de Jóvenes Intérpretes (Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 2003), Premio á mellor interpretación de música galega (A Coruña, 2004) e Premio Especial á mellor pianista acompañante no 3º Certame Nacional de Interpretación Intercentros (Madrid, 2004).
Na súa traxectoria profesional desenvolveu un intenso labor como pianista acompañante, de música da cámara e solista actuando no Auditorio de Barcelona, Auditorio Manuel de Falla de Granada e en diversas salas de Bélxica, Holanda e Francia. Actualmente é pianista acompañante no Conservatorio Profesional de Música de A Coruña, ao tempo que prosegue a súa carreira de concertista de piano acompañante.