Pasar al contenido principal

O profesor da USC Xesús Rodríguez coordina dúas obras sobre educación, novas tecnoloxías e materias curriculares

Na busca por mellorar a labor docente na actualidade, o profesor do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, Xesús Rodríguez Rodríguez, coordinou a elaboración de dous libros sobre educación, novas tecnoloxías e elaboración de materias curriculares, editados recentemente por Nova Escola Galega.
Titulado A fenda dixital e as súas implicacións educativas, o primeiro deles analiza a relación entre educación e novas tecnoloxías. Pola súa banda, A elaboración e adaptación dos materiais curriculares céntrase na gran variedade de materiais educativos destinados a satisfacer a demanda formativa dunha sociedade cada vez máis diversa e plural.
A fenda dixital e as súas implicacións educativasO volume A fenda dixital e as súas implicacións educativas, no que tamén participou o profesor Xosé Manuel Cid Fernández, recolle as conferencias, mesas redondas, experiencias e comunicacións, pronunciadas nun congreso celebrado en setembro de 2005 no que se debateu sobre as relacións entre as TIC e a educación. Asemade, nesta obra préstase unha especial atención ao concepto de fenda dixital que, de forma sinxela, podemos definir como a desigualdade de acceso e capacidade de uso das tecnoloxías.
En xeral, as distintas sesións de debate recollidas na publicación mostran experiencias de integración das TIC no eido da educación formal, informal e en varias áreas do currículo e, ademais, estúdanse os problemas de acceso ás tecnoloxías reflexionando sobre cómo erradicar estas desigualdades.
A elaboración e adaptación dos materiais curricularesO libro A elaboración e adaptación dos materiais curriculares, que recolle as contribucións do ‘II Congreso de Elaboración e adaptación de materiais curriculares’, destaca a importancia de que os materiais curriculares sexan flexibles e variados para poder dar resposta ás distintas necesidades educativas dos estudantes e á complexidade de todo proceso educativo.
Sobre este tema, a obra destaca, entre outras ideas, que as políticas educativas mercantilistas promoven unha maior uniformización dos materiais e dos programas educativos pero os contidos seleccionados polos profesores deben respectar e favorecer a pluralidade e diversidade existente traballando en pro dunha sociedade máis xusta e solidaria.
Nova Escola GalegaNas dúas publicacións participaron varios profesores da Facultade de Ciencias da Educación da USC, moito deles incluídos no colectivo Nova Escola Galega. Esta asociación, creada en 1983, ten como obxectivo impulsar o traballo de renovación pedagóxica e da galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galicia. Así, por medio da agrupación e cooperación de todos aqueles ensinantes galegos de calquera nivel educativo e de todas as persoas socias, preténdese construír un sistema educativo galego, público e democrático.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2007.