O Grupo Compostela de Universidades elixe novo presidente

O Grupo Compostela de Universidades celebra estes días no Centro de Estudos Avanzados da USC a súa XIII Asemblea Xeral na que están a estudar a traxectoria dos universitarios dende antes de acceder á carreira ata o seu papel de egresados. Na súa sesión de clausura, que terá lugar na tarde deste venres, os asistentes elixirán ao novo presidente do Grupo logo de que Michael Cooper esgotara os oito anos de mandato que permiten os estatutos.
A asemblea inaugurouse nunha cerimonia á que asistiron o reitor da USC, Senén Barro; o propio Michael Cooper como presidente do Grupo; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; e a secretaria executiva deste, Beatriz Iglesias. Deseguido tivo lugar a primeira das conferencias a cargo da directora de Educación Superior do ICEF, Maite Viudes, na que ofreceu as claves para recrutar aos mellores estudantes, a quen lle seguiu a intervención do director da UNESCO en materia de xestión e políticas universitarias, Francisco Michavila, sobre a mellora da calidade da educación. Como remate da sesión matinal desenvolveuse unha mesa redonda sobre a inserción laboral dos graduados na que participaron a secretaria do Proxecto Europeo rede Universidade-Industria, Simona Lache; o vicerreitor de Alumnado da Universidade de Navarra, José Luis de Cea; o presidente da World Association for Cooperative Education (WACE), Ian Goulter; e o membro do Comité do proceso de Bolonia pola Unión de Estudantes Europeos, Bruno Carapinha.
Os participantes nesta asemblea xeral asistiron no Hostal dos Reis Católicos á conferencia que, baixo o título ‘Literapia’, ofreceu o prestixioso profesor Marc Richelle, predecesor de Michael Cooper na presidencia do propio Grupo Compostela de Universidades.
Elección de novo presidenteXa este venres 21, e logo dunha sesión simultánea dos distintos grupos de traballo, desenvolvéronse dúas sesións paralelas das áreas latinoamericana e mediterránea do Grupo para fortalecer os lazos de cooperación existentes e abrir outros novos.
No transcurso desta asemblea xeral elixirase ademais o novo presidente do Grupo nunha votación que se dará a coñecer ás 16:30 horas no acto que servirá de clausura da xuntanza. A esta elección preséntase como candidato único Maurits van Rooijen, da Universidade de Westminster. Xa como remate, ás 20:00 horas no Hostal dos Reis Católicos terá lugar unha cea de gala na que se lle imporá a Insignia de Ouro da Universidade a Michael Cooper en recoñecemento aos oito anos de dedicación ao Grupo.
Grupo Compostela de UniversidadesO Grupo Compostela de Universidades creouse en 1995 a partir dunha iniciativa da USC que pretendía agrupar nunha rede ás universidades e institucións de educación superior emprazadas ao longo do antigo Camiño de Santiago co fin de incrementar a cooperación universitaria e preservar a herdanza cultural e histórica. Dada a expectación creada, en 2004 decidiuse permitir que institucións non europeas puideran unirse a este grupo. Deste xeito, na actualidade son máis de setenta as universidades e institucións de ensino superior que o compoñen, pertencentes a Australia, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemania, Grecia, Hungría, Italia, Kosovo, Luxemburgo, Malta, México, Holanda, Noruega, Perú, Polonia, Portugal, Rusia, España, Suecia, Suiza e Reino Unido.
Estimular a mobilidade de docentes, estudantes e persoal administrativo entre as universidades membro, favorecer proxectos conxuntos de investigación así como a formación de posgrao, facilitar o pleno recoñecemento académico dos estudos e promover o desenvolvemento curricular e os proxectos conxuntos son algúns dos obxectivos desta rede internacional de universidades.