Salón de Graos
A piques de saír do prelo un volume coas obras premiadas ao longo destes cinco anos

O Salón de Graos de Filoloxía acollerá este mércores 11 ás 19.00 horas a entrega dos premios do Concurso literario Mazarelos, que este ano chega á súa quinta edición. Froito dunha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística do Centro, e dirixido ao estudantado de toda a USC, o certame procura alentar o talento literario mozo, e está aberto a obras escritas en lingua galega de todos os xéneros literarios. Está prevista a asistencia ao acto do vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa; do secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; e de Manuel Carlos Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística.
Na gala anunciarase, asemade, a inminente saída do prelo do volume De pedra e azulexo, editado polo Servizo de Publicacións da USC e coordinado por Alba María Rodríguez, e onde se escolman os traballos literarios premiados ao longo dos cinco anos de vida do certame.