Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas

Son múltiples os compromisos promulgados pola Unión Europea e os seus estados membros arredor da decidida e inescusable preservación e fomento da diversidade cultural e lingüística de Europa e da posta en valor do cinema como obxecto de confluencia entre a innovación tecnolóxica, a cultura e a economía.
Entre as accións de preservación do Patrimonio Cultural Inmaterial Europeo (PCIE) emerxen como prioritarias aquelas encamiñadas ao fomento do subtitulado de contidos audiovisuais. Porén, o palmario compromiso formal que emana das convencións e programas das escalas europea, estatal e autonómica tradúcese na implementación de paquetes de medidas de carácter aleatorio, fragmentario e continxente que, en xeral, abocan a unha sistemática ausencia de resultados.
No marco do proxecto ‘EU-VOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas’ (AEI-FEDER, ref. CSO2016-76014-R) o simposio ‘As linguas e o cinema II’ reúne a investigadoras e investigadores do cinema e da tradución audiovisual na contorna europea co obxectivo de analizar a relación das pequenas cinematografías europeas co subtitulado e formular propostas para unha política harmónica que contribúa á preservación e ao fomento da diversidade lingüística en Europa.
Máis información e programa completo do simposio en https://estudosaudiovisuais.org