XuvenCiencia, un proxecto 'top' para a FECYT

O proxecto XuvenCiencia. Fago, logo aprendo, promovido e desenvolvido polo grupo de investigación docente homónimo do Campus Terra da USC e recoñecido pola Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) como unha das mellores propostas nacionais para o fomento da creatividade e de vocacións científicas entre o alumnado, dispón aínda dalgunhas prazas para docentes de ESO, BAC ou FP interesados en participar na sexta edición da Xornada XuvenCiencia para profesorado, un foro orientado ao estímulo de proxectos de investigación científica desde a aula a través do emprego de diversos ‘kits’ previamente elaborados por profesores e investigadores da sede universitaria luguesa.
Os docentes de ensino medio das áreas de Bioloxía, Xeoloxía, Tecnoloxía ou Ciencias da Terra e do Medio Ambiente interesados en participar nas VI Xornadas XuvenCiencia para profesorado aínda poden formalizar a súa inscrición no formulario habilitado en liña. As actividades programadas no marco destas xornadas capacitan aos participantes para levar adiante auténticos proxectos de investigación a partir da experimentación, a recollida de datos, a observación e o seguimento rigoroso do método científico. As actividades propostas para cada un dos kits de XuvenCiencia están adaptadas aos distintos niveis dos currículos preuniversitarios e, asemade, son apropiados para o STEMBach e os clubs de ciencias.
O proxecto XuvenCiencia, coordinado pola profesora de Química Física do Campus de Lugo Mercedes Novo, incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, este proxecto vén de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.
A experiencia XuvenCiencia é enteiramente práctica e baséase en 6 kits para a investigación nas aulas desenvolvidos por profesorado de Veterinaria, Química ou Enxeñaría Agroforestal do Campus de Lugo, e a través dos que se forma ao profesorado realizar proxectos de investigación científica de rastreo da humidade do solo –grazas ao kit AquaLab—, diagnóstico veterinario –co kit Animal CSI— e de cultivo de árbores in vitro, co kit Vitroplant. As persoas interesadas aínda poden acceder ás últimas unidades destes dispositivos, pero o resto dos kits ofertados na presente edición (DNA-Meat, Fotometrix e Photonics Explorer) xa están esgotados logo dunha moi boa acollida.
Daquela, os tres equipamentos científicos do programa XuvenCiencia que aínda están dispoñibles son o kit Vitroplant, que permite o cultivo de árbores in vitro; AquaLab, a través do que se pode medir a humidade dos solos e rastrear o cambio climático, e CSI Animal, un kit que introduce e achega ao alumnado ao diagnóstico veterinario.