Pasar al contenido principal

Probas autonómicas

Olimpíada Matemática Galega 2020

Venres 17, ás 10.00 horas

66 mozos e 35 mozas procedentes de 77 centros públicos e 24 centros privados daranse cita nas probas

Facultade de Matemáticas
Facultade de Matemáticas

A Facultade de Matemáticas da USC acolle a fase autonómica da LVI Olimpíada Matemática Española este venres 17, dende as 10.00 horas, en quenda de mañá e tarde. 66 mozos e 35 mozas das catro provincias galegas, procedentes de 77 centros públicos e 24 centros privados daranse cita nas probas desta Olimpíada Matemática Galega 2020. 

Tras o acto de recepción dos participantes no que tomará parte a decana de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, dará comezo a primeira sesión na que, ao longo de tres horas e media,  o alumnado participante deberá tentar resolver tres problemas. A segunda sesión comezará ás 16.00 horas e responderá á mesma dinámica.

 A Aula Magna da Facultade de Matemáticas acollerá o acto de entrega de premios, a partir das 20.00 horas. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, acompañará á decana do centro e ao delegado para Galicia da Comisión de Olimpíadas da Real Sociedade Matemática Española, o profesor Felipe Gago Couso, no transcurso do acto.

Esta Olimpíada é unha competición para o alumnado de bacharelato e nela selecciónanse as tres persoas que formarán o equipo olímpico que represente a Galicia na fase estatal do certame que se celebrará do 19 ao 22 de marzo en Almería. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.01.2020.