O programa Música na Fin do Camiño ten como obxectivo a promoción da música e poesía galega, e do potencial cultural de seu que ten Galicia.

O Camiño estableceu estreitos vínculos entre Galicia e os territorios que atravesaba e, especialmente, con Francia. Por este motivo o programa inclúe composicións de autores galegos en francés e cancións con texto en galego de compositores doutros lugares; estas obras reflicten a influencia cultural que Galicia exercía e exerce como fin do Camiño.
O conxunto Rosalía Trío integrado por María José Ladra (mezzosoprano), Juan Berná (óboe e corno inglés) e Margarita Viso (piano) ofrecen o concerto titulado 'Música na Fin do Camiño' integrado por composicións de Juan Durán, Fernando Vázquez Arias, Margarita Viso, Marcial del Adalid, Xoán Montes, Pascual Veiga, José castro "Chané", Gustavo Freire, Francisco Piñeiro, Xabier Comesaña, Pedro Pérez Berná e Juan Berná sobre textos de Rosalía de Castro, Xosé M. Cabada Vázquez, Afonso X, Pierre Ronsard, Antonio Rey Soto, Francisco Mª de la Iglesia e Curros Enríquez.