Pasar al contenido principal

Roteiro

Paseo 'universitario' polo 'Lugo menos coñecido'

Domingo, 1 de marzo, ás 16.00 horas. Parque Rosalía de Castro. Lugo

A asamblea de estudantes de Humanidades promove xunto con Guido Guía un paseo pola trama e a contorna urbana para favorecer a conexión da sociedade luguesa do seu campus

Persoas reunidas no Parque Rosalía de Castro de Lugo, antes dun roteiro
Persoas reunidas no Parque Rosalía de Castro de Lugo, antes dun roteiro

Estudantes da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo impulsan un paseo ‘universitario’ por ‘O Lugo menos coñecido’ para afondar a conexión entre campus e cidade. Esta iniciativa, de carácter aberto e de balde para todo o público interesado, desenvolverase o domingo 1 de marzo, a partir das 16.00 horas, e encádrase no marco do proxecto ‘O Lugo menos coñecido’, creado a iniciativa do guía profesional Guido Guía.

A marcha, ideada como punto de encontro entre a sociedade luguesa e a comunidade universitaria, partirá do Parque Rosalía de Castro, desde onde a comitiva participante se achegará ata a Facultade de Veterinaria, a fin favorecer así a incorporación de estudantes universitarios a unha camiñada que logo continuará o seu itinerario por un trazado “sorpresa”, no que se mesturarán elementos singulares da riqueza e diversidade medioambiental da que goza a capital luguesa con outros recursos patrimoniais, etnográficos e culturais de grande interese.

O paseo, que terá unha duración estimada de tres horas, constitúe, ademais dunha iniciativa para achegar a sociedade luguesa co estudantado universitario, unha oportunidade para descubrir e reinterpretar algún dos recantos menos coñecidos da cidade amurallada.

Como colofón desta camiñada, que tamén rematará no Parque Rosalía de Castro, os seus promotores organizaron unha celebración lúdica na sede da Asociación Cultural Cultura do País, onde se poderán degustar uns petiscos e se organizará unha foliada aberta á participación de todas as persoas que acudan á cita con instrumentos musiciais. As persoas interesadas en tomar parte nesta celebración, que se prolongará de 19.00 a 22.00 horas, poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo electrónico asambleahumanidades [at] gmail.com (asambleahumanidades[at]gmail[dot]com)

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.02.2020.