Pasar al contenido principal

Inauguración da mostra ‘Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela’

Durante o mes de marzo a mostra poderá verse en Santiago
Durante o mes de marzo a mostra poderá verse en Santiago
O acto impulsado por Alumni USC desenvolverase este sábado 29 ás 12.00 horas no Hotel Oca Porta do Camiño
Santiago de Compostela

A mostra ‘Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela’ impulsada pola asociación de antigos alumnos Alumni USC será inaugurada este sábado 29 no Hotel Oca Porta do Camiño. O acto dará comezo ás 12.00 horas. 

“Veremos unhas cincuenta imaxes, representativas das heroínas e anfitrións do Camiño, acompañados dos lugares emblemáticos. Como complemento, a mostra disporá de varios obxectos que simbolizan a cultura fluvial, vinícola e arqueolóxica do Ecomuseo de Arxeriz. E o Museo Etnográfico de Quiroga achegará unha selección de elementos relacionados coa produción de aceite”, segundo explica José Manuel Ortigueira Bobillo, director do proxecto e autor das fotografías, que se exhibirán en formatos de gran tamaño. 

Durante o mes de marzo a mostra poderá verse en Santiago, nos vestíbulos e corredores do Hotel Oca Porta do Camiño. Posteriormente, viaxará a Monforte de Lemos, para ser instalada na Casa da Cultura, onde permanecerá durante o mes de abril. Finalmente, unha parte da mostra regresará a Santiago para ser exhibida en maio no Mercado La Galiciana.

Alumni USC asumiu o reto de plasmar nunha exposición a “realidade viva” do Camiño de Inverno, destacando o traballo das persoas que contribúen ao seu desenvolvemento, con especial atención á economía rural e social, segundo explica Ortigueira. “E para poñelo en marcha, instrumentouse un plan de colaboración público-privada que permitiu obter os recursos necesarios e a implicación das entidades máis significativas”, conclúe. Este traballo de investigacaión supuxo retratar a cada persoa na súa ocupación ou coa que ten un vínculo especial. “Todas e cada unha –agrega o director do proxecto– amosáronse receptivas a esta iniciativa, sendo conscientes de que cómpre unha maior colaboración e coordinación entre a Administración e as asociacións sociais e culturais, para engrandecer e proxectar o Camiño de Inverno”.

A presidenta de Alumni USC, Benita Silva, destaca que se trata dun “modelo exemplar de alianzas entre o sector público e privado a partir dunha idea brillante e acaída”. O proxecto xeral complétase coa realización do Camiño por etapas periódicas, ruta que os camiñantes de Alumni USC comezaron no mes de setembro e esperan concluír este ano. De feito, a exposición inclúe un panel con fotos realizadas ao chou polos propios participantes nesta peregrinación a Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.02.2020.