Pasar al contenido principal

Axenda Feminista 8M

Conferencia: 'Unha historia ao descuberto: o amor sen fronteiras de Elisa e Marcela'

05.03.2020 | 17.00h

Arquivo Histórico Universitario
Santiago

Con motivo da celebración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o Arquivo Histórico Universitario (AHUS) organiza unha conferencia que leva por título 'Unha historia ao descuberto: o amor sen fronteiras de Elisa e Marcela'.

Cartel da conferencia
Cartel da conferencia

O acto terá lugar na sala de conferencias do AHUS o xoves 5 de marzo ás 17.00 horas e nel participarán Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC e o catedrático de Teoría e Historia da Educación da UDC, Narciso de Gabriel Fernández, autor do libro Elisa e Marcela. Amigas e amantes, que dará conta do exhaustivo traballo de investigación levado a cabo para sacar á luz a extraordinaria historia destas dúas mestras. Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga celebraron o 8 de xuño de 1901 o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España, adiantándose así, máis dun século, á súa legalización. 

Asemade, a directora do Arquivo Désirée Domínguez Pallas explicará o contexto histórico e documental dos dous expedientes disciplinarios abertos contra Marcela que se custodian no mesmo e que supuxeron o punto de partida para unha investigación que frutificou nun libro que se acabou levando ao cine o ano pasado da man da directora Isabel Coixet. "Nesa contextualización, realizarase unha aproximación á realidade social que lles tocou vivir ás protagonistas e na que a muller tiña unha posición de inferioridade que, ademais de afastala de oportunidades laborais e de desenvolvemento profesional fóra do eido doméstico, lle impedía ter acceso aos estudos superiores e na que só podían canalizar as súas inquedanzas intelectuais a través dos estudos nas Escolas Normais de Mestras, como a de Coruña, creada en 1860, onde elas se coñeceron e onde arranca a súa historia de amor e de desafío aos convencionalismos sociais", apunta Domínguez Pallas.

Como remate do acto, reproducirase o tráiler da película ao tempo que estarán expostos ao público os documentos que conforman ese expediente disciplinario co obxectivo de dalo a coñecer como un exemplo das xoias documentais que atesoura o Arquivo da USC.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2020.