Os directores artísticos da compañía ‘Voadora’ Marta Pazos e Hugo Torres abordan na Casa do Saber o diálogo entre a música e a creación escénica contemporánea no marco dos 'Xoves de Moda'

A segunda entrega dos ‘Xoves de Moda’, un dos programas incluídos no ciclo Lubicán, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, ofrecerá este xoves 5 de marzo, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o coloquio ‘Plástica&Sonora Diálogo entre a música e a creación escénica contemporánea’, nunha sesión que terá como protagonistas a Marta Pazos e Hugo Torres.
A sesión, de entrada libre e de balde para todo o público interesado, permitirá coñecer máis de preto aos dous protagonistas convidados, que afondarán nunha conversa sobre os procesos de creación escénica.
A dramaturga pontevedresa Marta Pazos, que tamén é directora de escena e intérprete, ademais de directora artística da compañía Voadora, chega a Lugo avalada polas súas creacións programadas no Centro Dramático Nacional, Centro Dramático Galego, Festival de Almagro, Fringe-Matadero Madrid, MIT Ribadavia ou FIOT, creación que tamén foron representadas en diversas localizacións de España, Portugal, Brasil, Mozambique, Francia o República Checa.
O traballo que desenvolve Hugo Torres, director artístico e responsable do deseño musical de ‘Voadora’, está estreitamente ligado co de Marzos Pazos, cuxa obra máis recente é unha ópera galega en gran formato que leva por título ‘A amnesia de Clío’.