A Fundación USC Deportiva organizará o vindeiro 28 de marzo na Sala de Artes Marciais do Complexo Deportivo do Estadio (Campus Vida), un obradoiro de kung fu que se desenvolverá a partir das 9.15 horas. Neste taller ofrecerase unha introdución á filosofía, cultura e historia das artes marciais chinesas aplicada aos seus métodos de adestramento físico e mental.

Neste curso, no que colabora o Servizo de Deportes da USC, traballaranse o dominio das distancias, niveis e diferentes sistemas defensivos e ofensivos. O obxectivo é achegarse á disciplina milenaria para desenvolver áreas como atención e concentración, forza, resistencia, elasticidade, coordinación ou defensa persoal. A actividade, destinada a persoas con algún coñecemento previo en distintas artes marciais e que estean interesadas en achegarse a esta disciplina chinesa, terá unha duración de catro horas e media.
O obradoiro estará impartido por Amancio Rial Bouza, profesor de actividades como mindfulness, tai chi, chi kung e kung fu na Fundación USC Deportiva. Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web www.fundacionuscdeportiva.org. O prezo do obradoiro é de 30 euros e as prazas están limitadas ata un máximo de quince participantes, polo que se recomenda realizar a reserva de praza o antes posible xa que se respectará rigorosamente a orde de inscrición para a súa adxudicación.