Pasar al contenido principal

Iniciativas universitarias con dimensión solidaria

Personal sanitario coas viseiras elaboradas por Coronavirus Makers Galicia
Personal sanitario coas viseiras elaboradas por Coronavirus Makers Galicia
Os alumnos da EPS de Enxeñaría de Lugo Yasmina Vázquez e Lucas Campillo participan como voluntarios no proxecto Coronavirus Makers Galicia, ao que XuvenCiencia achega recursos materiais para a impresión en 3D de 250 viseiras de protección
Lugo

Os estudantes de primeiro curso do grao de Enxeñaría Robótica na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo Yasmina Vázquez Penelo e Lucas Campillo de Andrés colaboran no proxecto Coronavirus Makers Galicia, orientado á creación de material de uso sanitario. O grupo de divulgación de ciencia e tecnoloxía XuvenCiencia da USC tamén vén de sumarse a esta iniciativa altruista, á que contribúe coa achega do material necesario para a impresión en 3D de 250 viseiras de protección, dispositivos que contan con validación para o seu uso por parte de persoal sanitario.

“Sóuboo Lucas polo Instagram, mandoumo e apuntounos ao momento”, relata Yasmina, que, do mesmo xeito que o seu compañeiro de clase, forma xa parte dos 1.600 voluntarios e voluntarias galegas, que, a diario, crean en impresoras 3D uns 1.000 equipos e protección validados para persoal sanitario e demais traballadores de centros asistenciais e de maiores.  

A impresión en 3D tense convertido para nós nunha alternativa de confinamento activo nestes tempos de #QuedanaCasa, relata Yasmina, ao tempo que recoñece que “sempre se pode axudar e a impresión de viseiras aínda nos sirve de entretemento”. O traballo que están a desenvolver estes dous universitarios non é ó chou, xa que Yasmina e Lucas seguen as indicacións  que os coordinadores de Coronavirus Markers soben á nube logo da súa validación. Este proceso repítese unha e outra vez e “cando temos varias unidades rematadas facemos lotes de cinco viseiras, metémolas en bolsas conxelados con peche zip para logo enviar á farmacia máis próxima, que funciona como punto de recollida, coordinado polo 061”, explica.

Lucas e Yasmina contan con cadansúa impresora 3D e, aínda que son do mesmo modelo, cada máquina precisa deseños adaptados, pois hai diferencias nos plásticos empregados e tamén nos filamentos cos que traballan e que, neste caso, reciben o nome técnico de PLA. Coas nosas impresoras tardamos arredor de hora e media, dependendo dos parámetros e das boquillas, en rematar cada viseira, indica Yasmina, para logo engadir que a impresión de cada unidade require uns 10 metros de filamento PLA. “De momento temos material, porque antes de que comezara todo este lío fixeramos un pedido importante e aínda deben quedarnos uns cinco quilos”, comentou esta alumna do grao en Enxeñaría Robótica.

Protocolo rigoroso

O proxecto Coronavirus Makers segue un protocolo de produción moi coidado. Outra cousa é a distribución do material elaborado, unha tarefa para a que Yasmina conta coa axuda de seu pai, que aproveita os desprazamentos hasta o lugar de traballo para entregar as viseiras en calquera das boticas de Lugo que traballan coa Cooperativa Galega de Farmacia (Cofano), que é outra das entidades colaboradoras do proxecto.

“Intentamos que todo se faga coa maior transparencia posible e por iso cada protector leva un rexistro de impresión e un número de identificación. O 061 recolle os lotes nas farmacias e lévaos a un centro loxístico para desinfectalos antes de proceder á súa distribución en  todo tipo de centros públicos. É moi satisfactorio cando nos chegan fotos de persoal sanitario de hospitais como o de Burela cos nosos protectores”, explica Said, quen actúa como voceiro do colectivo en Galicia.

Said relata asemade que Coronovirus Makers Galicia é unha iniciativa sen ánimo de lucro, que seguindo a cultura maker, busca darlle un uso ético á tecnoloxía, ao tempo que acepta en material e recursos, pero non diñeiro. Este voceiro do colectivo maker  anima a calquera centro público que precise de material sanitario que se poña en contacto cos promotores do proxecto a través da súa web ou das redes sociais.