Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría reformula o máster de drons para dar un pulo ao sector

Alumnos e docentes nunha sesión práctica do máster nas instalacións do Club de Aeromodelismo Lavanco, en Lugo
Alumnos e docentes nunha sesión práctica do máster nas instalacións do Club de Aeromodelismo Lavanco, en Lugo
O Máster en Sistemas Aéreos non Tripulados que coordina a USC xunto coa Uvigo elimina especialidades e potencia a dimensión e-learning para o curso 2020-21, no que este posgrao interuniversitario integra no seu programa a formación teórica requirida para acadar o título de operador de drons e vehículos aéreos non tripulados
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC avanza na reformulación do Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, un posgrao interuniversitario impartido xunto coa Uvigo, co obxectivo de dar un novo pulo a un sector en crecente expansión e que segue a ser considerado como “estratéxico”, segundo indica a profesora da USC e coordinadora deste título de alta especialización, Mariluz Gil Docampo.

A proposta para a terceira edición deste máster interuniversitario na que está traballar a EPS de Enxeñaría da USC e a UVigo contempla un cambio no título do posgrao, que pasará a chamarse Máster en Sistemas Aéreos non Tripulados, segundo precisou Gil Docampo. A coordinadora do título adiantou asemade que o futuro programa eliminará as especialidades contempladas ata o momento no máster, unha centrada na operación de sistemas aéreos non tripulados e outra orientada ao desenvolvemento de sistemas aéreos non tripulados, a fin de evitar así as duplicidades e interferencias que se estaban a rexistrar na actualidade.

O Máster en Sistemas Aéreos non Tripulados, popularmente coñecido como máster en drons, é un título exclusivo no Noroeste de España e case que único na universidade española, xa que solo se imparte un posgrao semellante en Cataluña. Esta singularidade da oferta, recoñece, Gil Docampo, non se ten traducido nunha demanda de alumnado acorde ás nosas expectativas. De feito, un dos obxectivos das modificacións implementadas no programa do máster para o próximo curso 2020-21 van encamiñadas a duplicar ou cando menos incrementar sensiblemente o número de matriculados.

A renovada aposta pola formación e-learning ou a distancia ofrece ao alumnado a posibilidade de compaxinar esta formación con outras tarefas profesionais e laborais, comenta Gil Docampo, quen entende que este título pode supoñer unha proposta atractiva tanto para profesionais en exercicio como para estudantes que xa completaron a súa formación de grao en calquera dos títulos de enxeñaría impartidos na EPSE do Campus de Lugo e tamén da Uvigo.

Outro dos cambios incorporará a terceira edición do máster de drons é a relacionada coa integración neste programa académico da formación teórica requirida para acadar o título de operador de drons ou de vehículos aéreos on tripulados. A profesora Mariluz Gil Docampo indica neste senso que a formación de operadores autorizados para o manexo de drons é un chanzo fundamental para o despegue deste sector empresarial en España, onde o número de pilotos autorizados de RPAS xa supera os 4.600, unha magnitude que dá conta das necesidades de formación existentes.

A análise e posterior aprobación da nova proposta do Máster en Sistemas Aéreos non Tripulados centrará un dos asuntos a tratar na próxima Xunta de Escola da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, segundo indicou Mariluz Gil Docampo, que confía en que as modificacións do título saian adiante sen impedimentos.

A coordinadora deste posgrao salientou asemade a importante formación práctica que recibe o alumado do máster de drons. De feito, sinalou, o propio programa académico contempla un elevado número de horas de formación práctica. Estas sesións desenvólvense nas instalacións de que dispón o Club de Aeromodelismo Lavanco, no polígono lugués da Campiña, ou no Aeródromo de Rozas, no municipio de Castro de Rei. Ademais, esta formación práctica tamén se pode completar á marxe do programa académico propiamente dito a través de estadías ou colaboracións con empresas e entidades, sinalou Gil Docampo.

Clase práctica nas instalacións do Club de Aeromodelismo Lavanco, en Lugo
Clase práctica nas instalacións do Club de Aeromodelismo Lavanco, en Lugo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.05.2020.