Pasar al contenido principal

A USC traballa nun Plan de Actuación para o vindeiro curso

A primeira reunión do grupo desenvólvese este martes. FOTO: Santi Alvite
A primeira reunión do grupo desenvólvese este martes. FOTO: Santi Alvite
O documento servirá para facer fronte a posibles eventualidades e desenvolver en condicións axeitadas a docencia
Lugo, Santiago de Compostela

Unha vez rematada a docencia do segundo cuadrimestre do curso 2019-2020 e aprobados os sistemas de avaliación de acordo coa situación de non presencialidade por mor da COVID-19, a USC traballa xa nun Plan de Actuación de cara ao vindeiro curso 2020-2021. Este documento servirá de folla de ruta para desenvolver en condicións axeitadas a docencia, facendo fronte de xeito eficaz a posibles eventualidades como as experimentadas nas últimas semanas. Ademais o grupo deberá avanzar nas bases dun plan a medio prazo que permita profundar nas distintas modalidades docentes que ofreza a USC sen perder a esencia dunha universidade presencial.

A situación das últimas semanas deixa constancia “da nosa capacidade de adaptación e de resposta a contextos complexos” e representa, en palabras do reitor Antonio López, “unha oportunidade para incorporar e apostar de xeito decidido por ferramentas e metodoloxías que enriquezan a nosa esencia como universidade presencial apoiándonos na capacidade que poden achegar as tecnoloxías nun escenario de docencia virtual”. Moitas das medidas e decisións adoptadas, “inéditas para un contexto imprevisible, teñen chegado para quedarse”.

O traballo da comisión, que se inicia este mesmo martes, avaliará as actuacións que se levaron a cabo no segundo cuadrimestre deste curso, tanto no relativo á docencia como no referido á avaliación. O seu obxectivo será avanzar nesta liña e reconsiderar as actuacións susceptibles de mellora, explicou o reitor. O traballo de análise prestará atención a catro bloques específicos de directrices xerais, atendendo especificamente a cuestións esenciais en materia de titulacións (emprego da docencia en remoto e ponderación da avaliación continua); calidade; organización académica; e sistema tecnolóxico.

Membros do grupo de traballo

A vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María Xosé López Couso; o vicerreitor de Calidade, Jacobo Limeres Pose; a vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro Rodríguez; e o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, formarán parte do grupo de traballo responsable da elaboración do Plan. Xunto a eles, participarán ademais as persoas responsables do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) e da Área TIC da Universidade, dous especialistas en novas tecnoloxías aplicadas á educación, a persoa responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); así como un representante do Persoal Docente e Investigador por cada unha das cinco grandes áreas de coñecemento.

A primeira reunión do grupo desenvólvese este martes e os resultados que se obteñan da xuntanza serán posteriormente debatidos cos distintos centros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.05.2020.