Pasar al contenido principal

Senén Barro, Premio Nacional de Informática SCIE – Fundación BBVA 2020

Senén Barro é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial. FOTO: Santi Alvite
Senén Barro é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial. FOTO: Santi Alvite
O ex reitor da USC obtén o galardón en recoñecemento á súa traxectoria profesional "polas súas achegas de gran calidade ao campo da intelixencia artificial e á transferencia do coñecemento"
Santiago de Compostela

O ex reitor da USC e  director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS),  Senén Barro, foi galardoado cun do tres Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE) – Fundación BBVA 2020. Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, obtivo o Premio José García Santesmases "polas súas achegas de gran calidade á investigación no campo da IA, así como á transferencia do coñecemento".

O xurado valorou a súa traxectoria en ambas as dúas áreas, destacando que "non só posúe un brillante currículo investigador, senón que tamén foi fundador dun grupo de investigación de referencia e de startups tecnolóxicas". O fallo conclúe asemade que "as súas contribucións á promoción do emprendemento innovador e á divulgación científica son recoñecidas internacionalmente"; "ten sido tamén un promotor moi activo dos estudos da Informática desde os diferentes cargos relevantes que ostentou", engade. O premio recibe o nome dun dos pioneiros da Informática en España, que realizou ademais os primeiros computadores hispanos.

Honrado e feliz

"Agradezo e celebro moito esta distinción, polo seu prestixio e por tratarse dun premio que se concede pola importancia da investigación e a transferencia dos seus resultados, no meu caso no ámbito da intelixencia artificial", explicou o ex reitor. "A importancia dun premio vén dada tamén por aqueles que o recibiron antes, e todos os anteriores premiados son persoas de excepcional valía, a cuxa altura científica espero corresponder", continuou Senén Barro. "É un premio que honra tamén á USC e servirá para dar unha maior visibilidade e protagonismo ao CiTIUS, o centro de investigación en Tecnoloxías Intelixentes que dirixo, e isto faime especialmente feliz", concluíu.

Distincións de prestixio que miran cara ao CiTIUS

A cuarta edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE)– Fundación BBVA  recoñece desde xeito por primeira vez a un investigador do CiTIUS nunha das súas dúas modalidades, os Premios Nacionais de Informática. Esra categoría está destinada a recoñecer o labor de investigadores e entidades públicas e privadas na área da Informática que dedicaron a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.05.2020.