Pasar al contenido principal

Nace BFlow, spin-off que proba moléculas e fármacos nunhas condicións moi similares ás dun ser vivo

Os socios promotores desta nova spin-off son os investigadores María Aymerich, Maite Flores, Ezequiel Álvarez e Alberto P. Muñuzuri. María Seoane será a súa directora
Os socios promotores desta nova spin-off son os investigadores María Aymerich, Maite Flores, Ezequiel Álvarez e Alberto P. Muñuzuri. María Seoane será a súa directora
Esta empresa de base tecnolóxica emprega a microfluídica para acelerar as investigacións preclínicas, o que supón un importante aforro de recursos
Santiago de Compostela

BFlow acaba de constituírse como empresa de base tecnolóxica da USC logo de anos de investigación entre equipos punteiros na área da microfluídica, fotónica e biotecnoloxía, tanto da propia Universidade, como do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Os socios promotores desta nova spin-off son os investigadores María Aymerich, Maite Flores, Ezequiel Álvarez e Alberto P. Muñuzuri. María Seoane será a súa directora.

BFlow ofrece solucións de microfluídica grazas ao deseño persoalizado e fabricación por tecnoloxía láser dun chip con microcanais sobre os que se pode realizar cultivo celular e aos que se lles aplica unha simulación de fluxo. En investigación preclínica, esta tecnoloxía permite probar as moléculas e fármacos nunhas condicións moi similares ás dun ser vivo, polo que, empregada antes de pasar o test en animais, permite identificar os mellores candidatos a superar ese test, reducindo e racionalizando así tempo de investigación, custos experimentais e número de animais de experimentación.

A solución de BFlow incorpora características únicas en comparación con outras solucións no mercado de “organ-on-a-chip” persoalizadas, como a variedade de opcións de deseño de microcanal e materiais empregados sen necesidade de realización de prototipos, o que converte a BFlow nun colaborador á altura das necesidades dos laboratorios e compañías farmacéuticas no contexto actual. "Unha solución persoalizada, punteira, rápida e económica", explican os seus impulsores.

As solucións de BFlow teñen ademais un amplo campo de aplicación que van dende o curado de feridas ata a minaría ou o tratamento de residuos, pola súa capacidade de dar información en tempo real para a toma de decisións (monitorización), en situacións que requiran a aplicación de fluxo.

Galardóns

BFlow foi premiada pola Real Academia Galega de Ciencias co Premio de transferencia de tecnoloxía Francisco Guitián Ojea e o Premio a Investigadores Mozos Ernesto Vieitez. Asemade, foi certificada como Inicativa Empresarial de Base Tecnolóxica pola Xunta de Galicia. Premiada tamén pola USC como mellor Idea Empresarial, forma parte de Bioincubatech, o programa de incubación para empresas de biotecnoloxía da Universidade.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2020.