Pasar al contenido principal

Excelencia, internacionalización e captación de talento sustentan a nova estratexia do CiTIUS

A estratexia definida no novo documento é froito dun proceso de reflexión colectiva no seo do centro
A estratexia definida no novo documento é froito dun proceso de reflexión colectiva no seo do centro
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC presenta o seu novo Plan Estratéxico para o próximos catro anos, fundamentado sobre oito eixos principais de actuación que guiarán as decisións chave ata 2023
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) acaba de aprobar a súa nova planificación estratéxica cara aos próximos catro anos. Este documento guiará as principais liñas de actuación do centro no período 2020-2023, e en virtude do mesmo tomaranse as decisións necesarias para abordar os desafíos tecnolóxicos que se esperan a curto e medio prazo como consecuencia da transformación dixital do tecido socioeconómico.

"Hai agora un ano, o CiTIUS decidiu especializarse en Tecnoloxías Intelixentes. A nosa ambición é ser un referente internacional nun ámbito que transformará o noso mundo como ningún outro avance ou desenvolvemento tecnolóxico no pasado. Queremos que a nosa investigación sexa transcendente, e transmitila e transferila co maior impacto posible", explica no prefacio do documento Senén Barro, director científico deste centro singular da USC.

Mellorar a sociedade 

O novo plan actualiza as premisas do centro para adaptalas á nova especialización temática en Tecnoloxías Intelixentes. Co obxectivo de mellorar a sociedade a través desta área de coñecemento, o CiTIUS aspira a ser recoñecido como un centro de investigación de referencia internacional neste ámbito, capaz de realizar unha investigación de gran relevancia científica e impacto socioeconómico e cunha alta capacidade de formación e atracción de talento. Esta visión promoverá valores como o liderado, a creatividade e a integridade, reforzando asemade a vocación de servizo, igualdade e transparencia do centro.

8 eixos de actuación

A estratexia definida no novo documento é froito dun proceso de reflexión colectiva no seo do centro, que deu lugar a unha estrutura baseada en 8 eixos e 74 accións específicas. Cada unha delas terá asociada, á súa vez, un prazo de execución e un número variable de responsables, que asumirán a encomenda de levala a cabo e garantir así a súa correcta execución. Deste xeito, o CiTIUS acometerá ao longo dos vindeiros catro anos a implementación de novas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento do centro e á súa expansión, con especial énfase nas cuestións relacionadas co seu proceso de internacionalización, e reforzando o apoio ao seu persoal investigador. Todo isto co propósito de mellorar a calidade e o impacto da investigación do centro e cumprir así co seu principal obxectivo: converterse en referente e mellorar a sociedade dende o eido das tecnoloxías intelixentes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2020.