Pasar al contenido principal

ECAI2020 atraerá na súa primeira edición dixital a miles de asistentes

O presidente do comité organizador, Senén Barro, é tamén director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS)
O presidente do comité organizador, Senén Barro, é tamén director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS)
Trátase do encontro científico máis importante de Europa sobre Intelixencia Artificial
Santiago de Compostela

Os organizadores da edición XXIV da European Conference on Artificial Intelligence (ECAI) acaban de anunciar que o congreso científico bienal de referencia en Europa terá lugar, tal e como estaba previsto, a fins de agosto, pero a través dun formato dixital. "É a primeira vez que este congreso se realizará en dixital nos seus case 50 anos de vida e será un evento histórico, con máis contidos e participación cá nunca", afirmou o presidente do comité organizador do congreso e director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, Senén Barro. O ex reitor asegurou que esta reformulación terá un impacto moi positivo sobre o número de asistentes. "Agardabamos un milleiro de persoas en Compostela e agora serán varios miles os que poderán participar", explicou.

A COVID-19 está a provocar cancelacións ou atrasos na celebración deste tipo de eventos en todo o mundo. Con todo, este non será o caso de ECAI2020, que agora se transforma no congreso 'Digital ECAI2020', concibido cun formato innovador, interactivo e capaz de achegar contidos do máis alto nivel científico, con espazos expositivos e formativos, salas de debate e mesmo eventos sociais. Un encontro que marcará un antes e un despois, non tanto polas circunstancias que impón a pandemia como polas oportunidades que permiten as tecnoloxías actuais.

Adaptarse ás circunstancias

A organización tomou esta decisión tras unha minuciosa análise da situación derivada da pandemia no mundo, co obxectivo de garantir a celebración da conferencia, pero sen as severas limitacións e riscos que suporía a súa organización presencial. "Hai uns anos isto non tería sido posible, pero hoxe as tecnoloxías dispoñibles, algunhas delas propias mesmo do ámbito da Intelixencia Artificial, permitirannos organizar un congreso cunha participación que será varias veces maior á que esperabamos na súa versión presencial", afirman fontes da organización.

"Nos vindeiros días e semanas iremos desvelando novidades que sen dúbida sorprenderán gratamente á comunidade científica internacional e a todas as persoas e organizacións que se sumaron a ECAI2020, no que agora é unha iniciativa absolutamente singular, tamén polo seu formato", adiantan xa desde o CiTIUS.

 Meirande interacción

Un dos primeiros cambios que asumirá 'Digital ECAI2020' será a súa duración, xa que o programa estenderase tres días sobre o calendario previsto. Deste xeito, os contidos do congreso repartiranse entre o 29 de agosto e o 5 de setembro, nas franxas horarias mellor adaptadas á disparidade de fusos en todo o mundo, algo moi importante nos eventos de ámbito global.

'Digital ECAI2020' contará con relatores da elite científica mundial en Intelixencia Artificial, cuxas charlas serán en directo. A presentación de traballos científicos —só un de cada catro artigos foi aceptado, dun total de máis de 1.500 propostas recibidas— consistirá nun vídeo pregrabado polo autor, que poderá ser visionado en calquera momento e dará lugar a un debate en directo a través de videoconferencia, ademais dunha canle de texto (chat); a principal vantaxe deste chat é que non só estará activo durante o debate en directo, senón tamén de maneira asíncrona, unha vez que o encontro remate. As sesións puramente científicas convivirán no espazo virtual da conferencia con titoriais, reunións de mozos e mozas investigadores/as con científicos sénior, espazos expositivos, unha selección das startups máis innovadoras, debates sobre a política europea en IA ou os pavillóns de distintos patrocinadores, entre outros moitos contidos.

Finalizada a conferencia, 'Digital ECAI2020' permitirá o acceso indefinido e gratuíto aos seus contidos principais, en particular aqueles de carácter científico, en liña co compromiso da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), entidade que auspicia o congreso e que agrupa ás asociacións de IA dos distintos países de Europa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.06.2020.