Asentadas as bases para unha docencia presencial segura

A USC deu luz verde este venres á que será a folla de ruta da Universidade de cara ao vindeiro ano académico por mor da crise xerada pola COVID-19. Neste senso, o Consello de Goberno aprobou o documento titulado 'Bases para unha docencia presencial segura' no que se contemplan as pautas a seguir en tres posibles escenarios: normalidade adaptada, distanciamento e peche das instalacións.
No primeiro dos escenarios, a docencia expositiva e interactiva será fundamentalmente de carácter presencial; mentres que no segundo, a docencia presencial convivirá coa virtual. Corresponderalles aos centros, nese caso, definir as fórmulas de convivencia de ambas as dúas modalidades de docencia, en función de cada titulación. Tamén nese escenario de distanciamento, deberá contemplarse a avaliación continua formativa na maior parte das materias, ben como único criterio de avaliación, ben combinada con probas finais. As probas finais, de ser o caso, serán preferentemente de carácter telemática.
Finalmente, no escenario de peche das instalacións, a docencia será completamente de carácter virtual, ben con mecanismos síncronos, ben con asíncronos. Deberá contemplarse a avaliación continua formativa na maior parte das materias, ben como único criterio de avaliación, ben combinada con probas finais. Asemade, non existirán probas finais presenciais, sendo posibles soamente as de carácter telemático. Deberá garantirse a accesibilidade dos materiais que constitúan a bibliografía básica de acordo coas condicións do escenario.
O respecto ao carácter presencial da docencia na USC; a flexibilidade, necesaria para a adaptación da actividade universitaria aos diferentes escenarios, buscando fórmulas adaptables para atender ás diferenzas entre as titulacións que se imparten; e a responsabilidade de todos os axentes que conforman a comunidade universitaria, tanto a nivel colectivo como a nivel individual, constitúen os principios sobre os que se asenta o texto aprobado este venres.
Modificación do calendario
Tamén como consecuencia da crise sanitaria provocada pola COVID-19 foi necesario revisar o calendario académico, en particular, no relativo á data de inicio de curso, que deberá retrasarse. Neste senso, o Consello de Goberno acordou que o primeiro período para impartir docencia se inicie o día 21 de setembro de 2020 e remate o 22 de decembro de 2020. O período de apertura de actas estenderase entre o 11 de xaneiro e o 5 de febreiro de 2021. Cada centro, en función das súas características e/ou circunstancias, fixará o calendario de exames de cada oportunidade dentro do período de apertura das actas. Terá que respectarse, en todo caso, o prazo de revisión das cualificacións provisionais.
Convocatoria de prazas do SUR
Co obxecto de dar cumprimento ao título segundo do Regulamento do Servizo Universitario de Residencias (SUR), o Consello de Goberno aprobou tamén a convocatoria de prazas de aloxamento para o curso académico 2020-2021. O número total de prazas que se ofertan nesta convocatoria ascende a 1.061. O prazo de solicitude permanecerá aberto dende o 29 de xuño, ata as 14.00 horas do 28 de xullo de 2020. A solicitude deberá cumprimentarse no formulario accesible por vía telemática que figura nesta ligazón.
O Consello tamén aprobou a convocatoria de prazas de aloxamento do SUR para membros da comunidade universitaria de cara a este verán 2020. A solicitude deberá cumprimentarse mediante o formulario accesible por vía telemática achegando a documentación xustificativa de cada caso, dende o día seguinte á publicación da convocatoria, ata as 14.00 horas do 28 de agosto de 2020. As solicitudes deberán facerse cunha antelación mínima de dous días hábiles.
Cambio de adscrición de prazas
O Regulamento para o cambio de adscrición de prazas de profesorado entre os campus da USC foi tamén abordado na reunión. Este documento ten por obxecto establecer o procedemento para o cambio e o intercambio simultáneo de adscrición de prazas de persoal docente e investigador entre os campus da Universidade. Con el preténdese, por unha banda, optimizar o aproveitamento dos recursos humanos con que contan as áreas de coñecemento, facilitando a súa reorganización en función das necesidades existentes. Trátase ademais de ofrecer posibilidades de mobilidade ao profesorado para deste xeito favorecer o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.
Empresas de base tecnolóxica
Na sesión deste venres, tamén se presentou o informe 'Creación de empresas baseadas en investigación na USC' no que alén de trazar a traxectoria histórica da Universidade neste ámbito, establécense as características que debe posuír, e as que non, unha Empresa de Base Tecnolóxica (EBT), así como cal debe ser a participación da USC neste eido. O documento constata que un conxunto de 25 empresas xurdidas da investigación da USC empregan na actualidade a máis de 375 persoas e acadan unha facturación anual que ronda xa os 36 millóns de euros. Ademais, tomando como referencia datos da enquisa anual de RedOtri de 2017, só once universidades españolas superan os 100.000 € de ingresos anuais por contratos de licenza (transferencia de coñecemento), sendo a USC unha delas, tal e como recolle o documento.
Outros asuntos
A sesión do Consello de Goberno deste venres tamén tratou a prórroga dunha comisión de servizos na Universidade Pablo de Olavide, a cobertura en comisión de servizos dunha praza de profesorado titular de universidade con vinculación asistencial, a proposta de recoñecemento de sexenios de transferencia de profesorado contratado, a modificación do Regulamento de Planificación Académica, a modificación do Regulamento de creación e réxime de funcionamento de cátedras institucionais, a modificación dun Regulamento de TFG, asuntos económicos e convenios.