Os aforos estarán reducidos en todos os espazos seguindo o protocolo de seguridade. O despacho para retirar as entradas permanecerá aberto desde as 19.00 horas

Esta obra, de AveLina Pérez, é a primeira peza do festival de artes escénicas 'USCénica 2020'. Terá lugar na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, e o prezo da entrada será de 3 euros. A función comeza ás 20.30 horas e dura 60 minutos.
'Os cans non comprenden a Kandinsky' reflexiona sobre o lugar da arte no mundo, e do mundo en relación a si mesmo. Cun humor ácido, sitúa á actriz protagonista nun lugar de incerteza no que esta nega e ao mesmo tempo afirma. Nesta obra, que está lonxe do concepto de drama canónico, conviven a acción e a inacción, que permiten o delirio en contacto co cotián. Trátase dun xogo de espellos deformantes que se completa coa presenza do público, unha viaxe mental e mesmo física en busca do olvido.
O festival 'USCénica 2020' terá lugar entre o 1 e o 18 de xullo. Esta iniciativa, que se desenvolverá entre a sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, o Salón Teatro e a terraza do Auditorio da Universidade, inclúe tanto funcións de teatro coma concertos. A totalidade da recadación do festival irá destinada á asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela. A tal efecto, pódese adquirir unha butaca 0 para contribuír a esta axuda sen asistir a ningunha función, facendo un ingreso no nº de conta ES69 0049 1467 29 2010476054 (Banco Santander).
Dado o aforo reducido, non existe a posibilidade de mercar un abono para todo o festival. Unha vez comezada a función non se permitirá o acceso a ningún dos espazos.