Pasar al contenido principal

A análise das augas residuais permitirá efectuar unha alerta temperá da COVID-19 en Galicia

Este acordo regula unha colaboración científico-técnica que permitirá efectuar unha alerta temperá da COVID-19. FOTO: Santi Alvite
Este acordo regula unha colaboración científico-técnica que permitirá efectuar unha alerta temperá da COVID-19. FOTO: Santi Alvite
O convenio asinado este luns por USC, Augas de Galicia e as empresas operadoras da auga estudará o papel das estacións depuradoras para anticipar protocolos de actuación fronte a hipotéticos rebrotes
Santiago de Compostela

Estudar o papel das Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) como barreiras para a transmisión do SARS-CoV-2 e, en particular, a posible presencia de material xenético procedente do virus nas diversas correntes conforma a base do convenio asinado este luns por USC, Augas de Galicia e as empresas operadoras da auga. Este acordo regula unha colaboración científico-técnica que permitirá efectuar unha alerta temperá da COVID-19. 

No marco do proxecto desenvolverase un protocolo mediante o seguimento dos residuos xerados nas EDAR, como ferramenta que permita, no caso de ser necesario, efectuar unha alerta temperá sobre a aparición de brotes por SARS-CoV-2, con tempo de antelación para tomar as medidas acaídas para a mitigación da extensión do proceso infectivo. Esta investigación inclúe os lodos tratados así como os residuos de desbaste, areas e graxas. O convenio ten unha duración de dous meses. 

Metodoloxía

Serán obxecto de análise sete EDAR de Galicia, tomando como criterio as súas diferencias tecnolóxicas, a prevalencia do virus nos concellos ás que dan servizo e o posible rebrote debido á recepción de poboación procedente doutros territorios. En concreto, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Ribeira, Sanxenxo e Viveiro serán as localizacións analizadas. As mostras serán procesadas en tres pasos: concentración de virus, extracción do ARN viral e detección e cuantificación do ARN por RT-qPCR usando dous xenes. Asemade, trataranse os datos obtidos para estimar o comportamento do SARS-CoV-2 e o seu material xenético nos compartimentos e correntes da EDAR, coa axuda dun modelo matemático de simulación de tratamento de auga.

O acto de sinatura do convenio desenvolveuse este luns no Centro de Estudos Avanzados da USC e tomaron parte no mesmo o reitor Antonio López, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel María Vázquez Mourelle; e Juan Manuel Lema Rodicio do Instituto CRETUS; xunto aos representantes das empresas operadoras da auga. 

O reitor e a conselleira asinan o documento. FOTO: Santi Alvite
O reitor e a conselleira asinan o documento. FOTO: Santi Alvite

Antonio López logo de facer un relatorio das distintas iniciativas de colaboración desenvolvidas pola USC dende o inicio da crise motivada pola pandemia da COVID-19, como é o caso da produción de xel sanitizante ou a cesión de equipamento de protección, afirmou que “o maior valor que temos fronte a esta situación son as nosas capacidades investigadoras”. Con este proxecto “o coñecemento dá un paso máis na mellora das condicións de vida da sociedade”. Deste xeito, “poñemos ao servizo da sociedade os nosos recursos máis valiosos e asumimos o liderado da nosa contorna”.

Juan Lema, pola súa parte salientou que este proxecto permitirá realizar un seguimento ou mesmo previr a incidencia do virus. Neste sentido, as experiencias previas xa desenvolvidas indican que o virus pode estar presente no intestino mesmo con antelación á súa manifestación clínica, o que explicaría a presenza de material xenético en lodos de depuradora. A experiencia asociada a este proxecto permitirá validar o sistema de alerta con tecnoloxías distintas en cidades diversas. 

Na súa intervención a titular de Infraestruturas e Mobilidade, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, agradeceu o traballo dos profesionais da auga e  a súa actuación “exemplar” durante a pandemia. “Con anticipación, con planificación, con plans de continxencia, con provisión suficiente de material e, moitas veces, con importantes sacrificios profesionais, ocupáronse de que, en todo momento, tivésemos auga de calidade”, sinalou.

Equipo de traballo

Alén da USC, a través do seu Instituto Cretus, e de Augas de Galicia, tomarán parte nesta investigación membros do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ‘Alvaro Cunqueiro’, baixo a coordinación de  Benito Regueiro García; así como as empresas operadoras Aqualia (Vigo e Ribeira), Emafesa (Ferrol), Espina y Delfín (Sanxenxo), Gestagua (Lugo), e Viaqua (Ourense e Viveiro), realizando a toma de mostras e as analíticas de caracterización dos parámetros.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2020.