Pasar al contenido principal

Sentadas as bases da creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía

Laboratorio de biotecnoloxía da USC. Foto Santi Alvite
Laboratorio de biotecnoloxía da USC. Foto Santi Alvite
O ‘Acordo da Sionlla’ no que toma parte a USC quere facer de Santiago de Compostela e de Galicia, un “referente” neste eido
Santiago de Compostela

O Polo de Innovación en Biotecnoloxía aspira a converterse no punto focal da biotecnoloxía galega e nun instrumento que agrupará a todos os axentes –centros de investigación e innovación, empresas, persoas emprendedoras, investidores ou Administración Pública– nunha contorna que favoreza o desenvolvemento de novos negocios e a atracción de talento altamente cualificado. Así o acordou este martes, a Mesa Institucional do chamado  ‘Acordo da Sionlla’, á que asistiron o reitor Antonio López, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo García; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés.

O ‘Acordo da Sionlla’ ten por obxecto a realización de actividades conxuntas que favorezan a reindustrialización empresarial, a promoción do asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento nos sectores biotecnolóxico e da madeira no parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela, entre os que principalmente destaca a creación dun Polo de Innovación en Biotecnoloxía. Outro dos empeños da Mesa en relación ao Polo será darlle visibilidade a nivel autonómico, nacional e internacional “para facer de Santiago e Galicia un referente no sector”, así como manter os  incentivos que faciliten o acceso a solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo.

En canto a medidas tanxibles, a Mesa estudará e artellará incentivos que supoñan un solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo. Nesta liña, posibilitará a concesión de bonificacións e exencións fiscais que faciliten a localización de empresas e persoas emprendedoras, e que se enmarcarían na habilitación do Concello de Santiago como ‘Concello Doing Business Galicia–Concello Emprendedor’. Igualmente, valóranse a posibilidade de simplificar os trámites administrativos que axilicen os procesos de localización de novas empresas e a concesión de axudas específicas para a implantación de empresas biotecnolóxicas, incluíndo aquelas destinadas á captación de talento e a súa contratación nas entidades e compañías localizadas no Polo.

Outra das liñas de traballo da Mesa é favorecer a creación dunha estrutura comercial que posibilite a atracción de investidores e empresas biotecnolóxicas, que exerza de portelo único para a promoción, prospección e acompañamento de novos proxectos empresarias. Tamén considérase necesario mellorar a conectividade, infraestruturas e loxística para o correcto desenvolvemento da actividade empresarial.

Colaboración público-privada

O ‘Acordo da Sionlla’ naceu en xaneiro de 2017 coa sinatura dun primeiro compromiso para favorecer o diálogo e a colaboración institucional en aras do desenvolvemento económico e social da cidade. Está integrado por dúas estruturas de xestión e representación: a Mesa Institucional e a Mesa de Traballo Executiva. O ‘Acordo da Sionlla’ concretou durante estes tres anos a posta en marcha do ambicioso proxecto do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, co apoio de entidades como o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA).

Para dar forma ao Polo de Innovación en Biotecnoloxía, deseñouse a idea do proxecto baseado na colaboración público-privada, déuselle visibilidade a través dos clústeres, centros de investigación e innovación e das diversas Administracións Públicas, que interiorizaron o concepto. Pero para acadar consistencia, os asinantes do ‘Acordo da Sionlla’ lograron o “apoio decidido” de diversos investidores e empresas biotecnolóxicas ata o punto de involucrarse no proxecto.

A localización do Polo de Innovación en Biotecnoloxía no Parque Empresarial da Sionlla foi un aspecto fundamental desde o inicio, pola proximidade a centros de coñecemento e ás principais entidades públicas e privadas que lideran a biotecnoloxía en Galicia. A colaboración da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que cualificou como “non dispoñibles para a venda” 63.798 m2, e a próxima cesión dunha parcela municipal no mesmo terreo, a través de UNINOVA, constitúen a base do Polo.

Ademais, a pasada semana aprobouse no Consello da Xunta unha achega de máis de 4 millóns de euros, a través da convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada do Instituto Galego de Promoción Económica, para a construción da primeira infraestrutura do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se concretará nun edificio de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas para o cal o Concello de Santiago de Compostela cederá os terreos no Parque Empresarial do Tambre. Así, estase a traballar en impulsar a construción de dúas infraestruturas do Polo, unha para estes servizos especializados e outra para facilitar espazos industriais adaptados aos requirimentos técnicos e ás diferentes necesidades do sector.

Nunha primeira fase, construirase unha infraestrutura de servizos innovadores a empresas biotecnolóxicas, unha iniciativa público-privada con laboratorios de aproximadamente 50 metros cadrados para empresas post-incubación, cun investimento aproximado de 5.000.000 euros. Crearase ademais unha sociedade para recibir fondos da convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada (IGAPE).  E nunha segunda fase construiranse espazos industriais, de aproximadamente 500 metros cadrados, para empresas biotecnolóxicas, con financiamento privado e promovido polas empresas biotecnolóxicas en forma de cooperativa ou unión temporal de empresas. Contará cun investimento aproximado de 18.000.000 euros.

Tamén o ‘Acordo da Sionlla’ apoiou a creación do hub de innovación dixital “DATA LIFE”, como parte do ecosistema innovador en biotecnoloxía. O hub ten por obxecto a integración da cadea de valor dos sectores de bioeconomía e saúde, promovendo a súa dixitalización, con financiamento da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, participou activamente na xénese e consecución do proxecto ‘Spin & Up’, para a transferencia bidireccional empresa-universidade de coñecemento e tecnoloxía no Espazo de Cooperación Interreg Galicia-Norte de Portugal, no que a Asociación Área Empresarial do Tambre participa como socio; e a incubadora de proxectos biotecnolóxicos ‘BioIncubatech’ para o fomento da innovación e transferencia da biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias. En paralelo, o ‘Acordo da Sionlla’ traballará para estender este modelo de Polo de Innovación ao sector da madeira, outro dos seus obxectivos fundacionais.

O reitor tomou parte na reunión deste martes
O reitor tomou parte na reunión deste martes
Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.06.2020.