Casa do Saber
O relatorio do director de cine con raíces nos Ancares Lugueses desenvolverase a partir das 12.00 horas na Casa do Saber de Lugo e poderá seguirse por streaming a través da canle de YouTube do Campus Terra

O cineasta con raíces nos Ancares Lugueses Oliver Laxe clausura este venres, a partir das 12.00 horas, o campus de verán XuvenCiencia en Rede, co relatorio ‘Na procura da autorrealización’. A sesión, cuxa presenza de público na sala está limitada por mor da normativa sanitaria aprobada para frear a pandemia provocada pola COVID-19, tamén se poderá seguir vía streaming pola canle de YouTube do Campus Terra da USC.
As vocacións, as afeccións, o apego e outro tipo de circunstancias que condicionan e conforman a carreira vital e profesional das persoas guiarán a actividade protagonizada por Oliver Laxe, unha das voces máis singulares do Novo Cinema Galego, e recoñecido internacionalmente grazas aos títulos Todos vós sodes capitáns, Mimosas e O que arde, a máis recente.
Unhas poucas persoas poderán seguir a charla de Oliver Laxe de xeito presencial desde a Casa do Saber da Vicerreitoría da USC en Lugo, debido á necesidade de controlar o aforo para garantir as distancias de seguridade e polo reducido das prazas dispoñibles. Para participar como público será preciso rexistrarse cun nome completo e número de DNI no enderezo electrónico xuvenciencia.matricula [at] usc.es (xuvenciencia[dot]matricula[at]usc[dot]es).