Pasar al contenido principal

En primeira liña de desenvolvemento dunha nova xeración de fármacos contra o cancro

Eddy Sotelo, segundo pola esquerda, coordina esta investigación
Eddy Sotelo, segundo pola esquerda, coordina esta investigación
Científicos da USC en colaboración coa universidade sueca de Upsala e a farmacéutica Sosei Heptares, danlle un novo pulo ao desenvolvemento de fármacos máis selectivos, eficaces e seguros na inmunoterapia do cancro
Santiago de Compostela

Un paso adiante na optimización de fármacos para a  inmunoterapia do cancro é o novo logro do grupo da USC no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) que dirixe o profesor Eddy Sotelo. En colaboración coa Universidade de Upsala e a compañía farmacéutica  Sosei  Heptares, o artigo, recentemente publicado na revista  Angewandte  Chemie,  describe novos avances no deseño e optimización de fármacos para a terapia do cancro.

Deseñar medicamentos máis selectivos, eficaces e seguros é o obxectivo alcanzado grazas á utilización  sinérxica de metodoloxías avanzadas, permitindo así validar o modo de unión dunha nova xeración de fármacos que están actualmente en estudos clínicos. Trátase dun traballo de colaboración enmarcado no proxecto europeo ERNEST dedicado a “descifrar as bases moleculares que rexen a sinalización dos receptores axustados a proteínas  G (GPCRs) en diversas patoloxías”, explica o profesor Sotelo.

Adenosina

A  adenosina é un potente inmunosupresor moi abundante no  microambiente  tumoral. Moitos tumores conseguen escapar da vixilancia do sistema  inmunitario mediante a activación dos receptores A2A e A2 B de  adenosina. Asemade, o tumor aproveita esta activación para expandirse e  metastatizar. “Por este motivo, o uso de fármacos capaces de bloquear os devanditos receptores permite tanto a reactivación do sistema  inmunitario como a diminución da división e metástase das células tumorais, incrementando a eficacia dos tratamentos”, argumenta o investigador da USC.

Este traballo supón un salto cualitativo neste proxecto dirixido ao desenvolvemento de fármacos baseados en moléculas pequenas como alternativa ao uso de anticorpos  monoclonais no contexto da  inmunoterapia do cancro. O uso combinado de métodos  computacionais, metodoloxías sintéticas e a tecnoloxía de cristalización de proteínas patentada pola compañía  Sosei  Hepatares permitiu deseñar e sintetizar novos fármacos, cuxos complexos fármaco-receptor foron caracterizados mediante  cristalografía de raios X. A dispoñibilidade de co-cristais de fármacos cos seus receptores moleculares é clave para o desenvolvemento racional de fármacos.

Avanzadas metodoloxías

A cristalización de receptores axustados a proteínas G (GPCRS) e a caracterización estrutural do complexos fármaco-receptor desta familia de proteínas constitúe un reto para a comunidade científica. A tendencia dos GPCRs a formar agregados, sen relevancia funcional, dificulta o deseño racional de fármacos. Existe, por tanto, unha gran demanda de metodoloxías innovadoras que faciliten o desenvolvemento de fármacos capaces de interactuar con rexións específicas da diana terapéutica. “A utilización  sinérxica desas metodoloxías neste traballo permitiu validar de forma inequívoca o modo de unión dunha familia de compostos que inspiraron o desenvolvemento dunha nova xeración de fármacos que están actualmente en estudos clínicos para o tratamento do cancro”, conclúe  Eddy Sotelo.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.07.2020.