Pasar al contenido principal

Un novo chanzo cara a integración social e laboral de persoas con discapacidade

Cabarcos e Valcárcel, de pé, na sesión de benvida ao alumnado do proxecxto Edison
Cabarcos e Valcárcel, de pé, na sesión de benvida ao alumnado do proxecxto Edison
A primeira promoción de alumnado do proxecto Edison, unha iniciativa pioneira de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes do Campus de Lugo da USC, gozará de estadías profesionais en empresas logo de superar a formación teórica programada
Lugo

O proxecto Edison, unha iniciativa de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) do Campus de Lugo da USC xunto con Cogami co obxecto de proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade, entra na fase final da súa primeira edición coa incorporación da primeira promoción de estudantado deste programa aos cadros de traballadores das empresas colaboradoras.

Logo de meses de formación teórica, un período durante o que as persoas beneficiarias do proxecto Edison tiveron a oportunidade de adquirir e de mellorar as súas respectivas habilidades sociais e persoais a través das diversas sesións formativas desenvolvidas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas ou, no seu caso, a través das plataformas de teleformación habilitadas pola USC para sortear las imitacións derivadas da pandemia provocada pola COVID-19, a primeira promoción de alumnado do proxecto Edison accederá durante dous meses a un posto de traballo de calidade nas empresas que garanten a viabilidade deste proxecto coas súas achegas económicas.

O obxectivo da primeira iniciativa do Campus de Lugo incluída no programa de micromecenado da USC é o de facilitar ao alumnado unha auténtica experiencia vital integradora e inclusiva que permita o seu desenvolvemento persoal e profesional. A empregabilidade e a inserción laboral de persoas vulnerables ou en risco de exclusión social a través da formación, constitúe a pretensión última do proxecto Edison, sinala a profesora da USC responsable da Aula TIC-Pemes, Ángeles López Cabarcos.

O Proxecto Edison defínese como un curso de perfeccionamento para o desenvolvemento de habilidades empresariais cuxos eixos básicos son a inclusión, a integración, a formación e a empregabilidade. Esta acción, desenvolvida da man e en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), está estruturada en cinco meses de formación de carácter teórico e práctico.

As persoas inscritas como alumnos neste programa contaron coa titoría dos profesores universitarios que se ocuparán da formación teórica ao longo dos últimos meses. Unha vez superada esta fase formativa inicial, os e as protagonistas do proxecto Edison completarán unha estadía profesional durante un período de dous meses en diversos departamentos das empresas adheridas a esta iniciativa. Este empresariado, que desenvolverá os labores de apadriñamento profesional nas súas respectivas sedes de negocio e outras instalacións relacionadas coa súa actividade, tamén sufragou os custes de matrícula de cada unha das persoas beneficiarias deste programa de inserción sociolaboral.

A profesora na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo e directora da Aula TIC-Pemes da USC, Ángeles López Cabarcos salientou o carácter social do proxecto Edison, ao tempo que fixo fincapé unha vez máis na especial sensibilidade amosada por Grupo Arenal, Grupo Lactalis, Cafés Candelas, Caixa Rural Lugo, Dmanan, Tableros Hispanos, Seguros Senoroeste ou o Colexio de Economistas de Lugo, que son algunhas das empresas e entidades que optaron por avalar esta primeira convocatoria dun proxecto que aspira a ter continuidade no tempo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.07.2020.