Pasar al contenido principal

A USC, entre as mellores universidades do mundo en Ciencias da vida e da terra, segundo o ránking Leiden

Reitorado da USC
Reitorado da USC
A clasificación elaborada a partir das publicacións de 1.100 universidades incluídas en Web of Science sitúa a USC entre as 500 primeiras do mundo e no posto 154 de Europa
Lugo, Santiago de Compostela

O ránking Leiden, unha clasificación elaborada pola universidade holandesa que lle dá nome a partir da análise dos datos bibliográficos de produción científica contidos en Web of Science, salienta o liderado investigador da USC no ámbito de coñecemento ligado ás Ciencias da vida e da terra, ao tempo que a sitúa un ano máis entre as 500 mellores universidades do mundo. A listaxe que vén de publicar a Universidade Leiden e que computa parámetros de produción científica de 1.176 institucións académicas de 65 países (200 máis que na anterior edición) que suman máis de 800 publicacións científicas indexadas en Web of Science no período 2015-2018 ascende a USC ao posto 470 do ránking mundial.

A intensa actividade investigadora e a prolífica produción científica desenvolvida pola USC neste período traduciuse en 2.826 publicacións de alto grao de impacto, o que supón un incremento de máis de medio centenar respecto do trienio anterior. Esta bagaxe permite á institución académica compostelá ocupar o lugar 154 de entre as mellores de Europa, ademais de consolidarse na décimo terceira posición no conxunto da universidade española.

A valoración da produción científica da USC por grandes ámbitos específicos de coñecemento aínda reforza máis o seu liderado nalgunhas áreas, tal e como é o caso de Ciencias da vida e da terra, un parámetro no que, con 760 publicacións contabilizadas, a USC mellora a súa a sétima posición da anterior edición do ránking Leiden para situarse en 2020 como a sexta mellor universidade española nunha especialidade, na que tamén se atopa entre as 65 mellores institucións académicas de Europa e as 199 do mundo.

A produción científica no ámbito das Ciencias biomédicas e da saúde,  con 866 publicacións, permite á USC manter a novena posición no mapa universitario español e ocupar o lugar 180 en Europa. Nos ámbitos das Ciencias físicas e enxeñaría (747 publicacións) e no de Ciencias Sociais e Humanidades (223), así como en Matemáticas e ciencias da computación (229), a USC a figura entre as 200 mellores institucións europeas por produción científica e consolida, cando non mellora, a súa clasificación entre as 41 universidades españolas avaliadas, ao ocupar as posicións 13, 18 e 22 respectivamente no ránking de Leiden.

Metodoloxía

Respecto da metodoloxía e selección de datos analizados, o ránking Leiden utiliza Science Citation Index Expanded, Social Sciences Citation Index e Arts & Humanities Citation Index. Unicamente se toman en consideración artigos e revisións, quedando excluídos os libros, actas de congresos e publicacións en revistas no indexadas nos índices de citas de Web of Science. Como se destaca na súa web, o ránking proporciona información exclusiva sobre a investigación realizada nas universidades. Ademais, esta clasificación proporciona indicadores de impacto científico, colaboración, publicación de acceso aberto e diversidade de xénero, mostran o rendemento investigador dende unha perspectiva absoluta ou relativa, atendendo á magnitude de cada institución.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2020.