O CITT do Campus de Lugo xestiona máis de 21 millóns de euros para actividades de I+D+i entre 2017 e 2019

Os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo da USC no trienio comprendido entre 2017 e 2019 supera os 21 millóns de euros, segundo se puxo de manifesto este martes no acto de sinatura da renovación dun convenio que manteñen vixente desde 1995 USC, Caixa Rural Galega, Deputación Provincial de Lugo e Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).
O reitor da USC, Antonio López; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, e o secretario Xeral da CEL, Jaime Luis López Vázquez, asinaron este martes na sede de que dispón Caixa Rural Galega na capital luguesa unha nova edición dun acordo que, segundo sinalou Varela, contribúe desde hai máis dun cuarto de século á modernización de Lugo e de Galicia e que, como o convenio máis lonxevo e de maior contía económica de todos cantos mantén suscritos Caixa Rural Galega, dá conta do fondo compromiso desta entidade coa sociedade e coa USC”.
Volume de negocio
A maior parte do volume de negocio xestionado polo CITT do Campus de Lugo no último trienio obedece a contratos e convenios con empresas e entidades públicas, informes técnicos e reunións científicas, actividades todas elas que depararon máis de oito millóns de euros no trienio 2017-19, un período durante o que a sede universitaria luguesa tamén captou preto de 4,5 millóns de euros a través do desenvolvemento de proxectos e accións de I+D+i con financiamento procedente de fondos europeos.
As actuacións e liñas de investigación desenvolvidas co apoio económico da Xunta de Galicia ao longo do último trienio reportaron para a sede universitaria luguesa a xestión de máis de 5,7 millóns de euros, unhas cifras de inversión pública en I+D+i que se sitúan arredor dos 2,7 millóns de euros no capítulo referido a actuacións e proxectos desenvolvidos con financiamento procedente do Plan Estatal de I+D+i, segundo se recolle na memoria de actividade do CITT referida ao último exercicio .
O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo permite situar esta sede da USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á súa contorna social máis próxima, unha transmisión que chega á sociedade directamente ou a través do tecido empresarial, sinalou o reitor Antonio López, quen tamén fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu cometido no CITT como ás entidades que apoian un convenio para o mantemento deste centro. A dotación orzamentaria deste acordo supera os 62.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros, a Deputación Provincial de Lugo, 9.500, mentres que a USC participa con 3.300 euros. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica algunha.
O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, salientou na súa intervención a importancia da colaboración entre as administracións en aras á mellora do benestar das persoas. Tomé lembrou asemade tanto este convenio como outros que a institución provincial vén de asinar tanto coa USC certifican a súa aposta polo campus universitario de Lugo”.
O secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, salientou nesta mesma liña a colaboración público-privada como chave do éxito do convenio para o mantemento do CITT do Campus de Lugo da USC. A vicerreitora de Coordinación da sede universitaria luguesa, Montserrat Valcárcel; a adxunta á citada vicerreitoría para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, tamén estiveron presentes no acto de sinatura deste acordo.