Asia e Latinoamérica, principais caladoiros de alumnado dos mestrados do Campus de Lugo

Asia e Latinoamérica e, nomeadamente, China e os países iberoamericanos de fala hispana, son dous dos principais caladoiros de alumnado máis rendibles para os mestrados impartidos pola USC no seu Campus de Lugo. As estatísticas de matrícula en estudos de posgrao dan conta da progresiva internacionalización da oferta académica da sede universitaria luguesa, unha tendencia que, a tenor dos datos provisorios dispoñibles, podería acrecentarse para o próximo curso 2020-21.
Os mestrados en Servizos Culturais, que se imparte na Facultade de Humanidades, e o de Dirección de Proxectos, con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, dúas das titulacións do Campus Lugo con maios pegada internacional, contabilizan apenas dúas semanas despois de abrir os seus prazos de inscrición, preto de 50 solicitudes de estudantes chineses e iberoamericanos, o que implica que dúas de cada tres persoas interesadas en completar estes programas de posgrao proceden de China e de diversos países iberoamericanos, na súa maioría de fala hispana.
A coordinadora do Máster en Servizos Culturais da USC, a profesora Carme Silva Domínguez, apunta a progresiva internacionalización desta titulación como unha claves da súa elevada demanda. “A fase de preinscrición comezou ou 6 de xullo e xa temos máis de 50 persoas inscritas. Do total de solicitudes recibidas, 8 son titulados chineses e 15 de países latinoamericanos (Arxentina, Cuba, México, Venezuela...)”, comentou Silva Domínguez, que tamén salientou o atractivo que esperta este máster entre os titulados universitarios de toda España. “Este ano, ademais de alumnado galego, tamén recibimos solicitudes de Salamanca, Oviedo, Madrid...”, engadiu.
A coordinadora do Máster en Servizos Culturais da USC destacou asemade o amplo abano de perfís académicos que atrae un título de posgrao singular no SUG e en cuxa docencia participan profesores de moi diversas áreas de coñecemento e da maioría dos centros universitarios do Campus de Lugo. Neste senso, Silva indicou que “este posgrao, cuxas sesións formativas co curso 2020-21 poderán seguirse por streaming, resulta atractivo para titulados e tituladas en Psicoloxía, Historia da Arte, Educación Social Arquitectura, Música e Danza, Filosofía, Xornalismo, Antropoloxía, filoloxías, Turismo profesorado de ensino medio, Humanidades e artes visuais, Ciencias da Cultura, Deseño, Ciencias Políticas...”. Alén destas cuestións, Silva, apuntou a flexibilidade dun título que pode cursarse tamén de xeito semipresencial como un factor que atrae e profesionais en exercicio e tamén a varias persoas egresadas da Uned.
Nunha área de coñecemento diferente á do posgrao en Servizos Culturais, o mestrado en Dirección de Proxectos impartido na EPS de Enxeñaría da USC tense convertido nos últimos anos noutro dos títulos do Campus de Lugo con maior reclamo internacional. O coordinador desta titulación, o profesor Carlos Amiama adiantou que “a USC oferta 25 prazas para o próximo curso e en 15 días xa recibimos 23 solicitudes de preinscrición. Destas dúas corresponden a estudantes galegos e outras tantas a alumnado de fóra de Galicia. O resto son titulados estranxeiros: 11 de Latinoamérica e 8 de China”, dixo.
Máster DAEN
O máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), un posgrado promovido desde a Facultade de Formación do Profesorado da USC e coordinado por Eugenio Otero, é outro dos mestrados impartidos no Campus de Lugo que rexistra moi boa acollida entre o alumnado español e que tamén recibe estudantes estranxeiros. “O curso pasado tivemos 6 estudantes internacionais (3 de China e 3 de Suramérica) e do alumnado español, a metade procedía de fóra de Galicia”, comentou Otero Urtaza, ao tempo que confirmou que as preinscricións xa feitas para o curso 2020-21, cuxo prazo remata a finais de agosto, confirman unha tendencia moi semellante”.
Os mestrados habilitantes en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes que se imparten na EPS de Enxeñaría contan maioritariamente con alumnado graduado no propio centro ou noutras universidades galegas e españolas, do mesmo xeito que sucede nos másteres interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, que oferta 12 prazas e suma xa 14 preinscricións, e en Xenómica e Xenética, promovido tamén xunto coa UVigo.
Unha dinámica semellante en canto a procedencia do seu alumnado é a que presentan outros mestrados impartidos na Facultade de Formación do Profesorado e mesmo en Administración e Dirección de Empresas. Un caso diferente é o que presenta a Facultade de Ciencias, na que se imparten cara o próximo curso un posgrao en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias e outro en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, dúas titulacións que xa contabilizan entre as persoas inscritas varios estudantes estranxeiros.
