Pasar al contenido principal

Inhibidores de xerminación, unha alternativa respectuosa para a protección da muralla romana

Vexetación na muralla romana de Lugo
Vexetación na muralla romana de Lugo
Investigadores da EPS de Enxeñaría de Lugo demostran que produtos alelopáticos e respectuosos coa natureza como aceites de tomiño e ourego frean a proliferación de flora no monumento
Lugo

Especialistas da USC recomendan o uso de produtos ou substancias alelopáticas como alternativas eficientes para frear ou cando menos controlar o proceso de colonización de especies vexetais na muralla romana de Lugo, un monumento declarado Patrimonio da Humanidade e cuxa conservación e protección require tamén de actuacións de adecuación e limpeza respectuosas co medio ambiente.

As achegas realizadas polos investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC que desde hai anos traballan en colaboración coa Administración no deseño de estratexias apropiadas para a mellora da conservación, protección e posta en valor do monumento romano son resultado do último proxecto de investigación desenvolvido desde o pasado outono e que rematará este verán coa presentación do informe final.

Esta última liña de investigación na que, entre outros, participaron  Antonio Rigueiro e Mª Elvira Díaz Vizcaíno, profesores e investigadores dos departamentos de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, e  Botánica da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, permitiu estudar e testar, tanto en laboratorio, como sobre as paredes do propio monumento, a eficacia de produtos alelopáticos, que favorecen a inhibición da xerminación de especies vexetais, tales como o son os aceites de ourego e de tomiño.

Os resultados preliminares xa acadados logo das actuacións parciais realizadas en diversos tramos ou áreas da muralla son satisfactorios”, segundo indicou a profesora Mª Elvira Díaz Vizcaíno. Ben é certo, engadiu esta investigadora, que “advertimos un alto grao de variabilidade respecto do resultado obtido nos diferentes tramos do monumento nos que se aplicaron estes aceites alelopáticos, pero podería dicirse que esta gradación vai desde unha valoración positiva ata moi positiva”, dixo.

Díaz Vizcaíno comentou neste senso que a alelopatía ou inhibición de xerminación é unha solución que aporta a propia natureza, pois trátase dun fenómeno biolóxico polo que un organismo produce un ou máis compostos bioquímicos que inflúen no crecemento, supervivencia ou reprodución doutros organismos.

Deste xeito, unha vez realizado o traballo de campo e estudados e avaliados os resultados obtidos logo da aplicación de aceites de ourego e tomiño, os investigadores da USC implicados neste proxecto conclúen que estas pautas ou técnicas de inhibición de xerminación antóllanse como solución alternativa e complementaria doutras das actuacións que se están a desenvolver para controlar os procesos de colonización da muralla advertidos nalgunhas especies vexetais e manter así unha imaxe do monumento sen maleza”.

A profesora Díaz Vizcaíno salientou que a muralla romana de Lugo constitúe, ademais dun ben patrimonial, un ecosistema natural propio que tamén cómpre preservar, pois alén da vexetación, o monumento romano tamén acubilla unha importante variedade de fauna, cuxos ciclos vitais tamén están ligados á muralla. Basta pensar nos cirrios, cuxa poboación é numerosa, comentou.

Baixo a premisa de máximo respecto e protección á biodiversidade, Díaz Vizcaíno sinalou como outra das vantaxes da aplicación destas substancias alelopáticas como os aceites de ourego e tomiño atinxe á compatibilidade do seu uso co calendario reprodutivo dos cirrios, dado que non interfiren. A profesora da EPS de Enxeñaría comentou asemade que estes produtos inhibidores de xerminación permiten non só reducir a presenza de vexetación, senón que tamén prolongan os efectos e a duración dos traballos de limpeza manual que periodicamente se acometen na muralla romana.

Alén destas cuestións de carácter científico, a investigadora do Departamento de Botánica da USC tamén apuntou cambios na opinión pública respecto da presenza de vexetación no monumento ao entender que unha biodiversidade rica é algo positivo. Do mesmo xeito, esta investigadora defende o interese das contribucións que pode facer a ciencia, neste caso a través da USC, tanto ás administracións públicas como ás empresas, algunha das cales si solicita axuda aos investigadores para resolver situacións complexas.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.07.2020.