Pasar al contenido principal

A USC recoñece os Mellores Expedientes de centros de ensino medio de Galicia

Foto de grupo dos participantes
No acto presencial participaron unha representación de vinte alumnas e alumnos xunto coas súas familias. Foto: Santi Alvite
O acto de recoñecemento, celebrado no Colexio de Fonseca, salienta o estudantado cunha cualificación superior a 9 na parte obrigatoria da ABAU, 681 rapazas e 362 rapaces de toda Galicia

A Universidade de Santiago de Compostela recoñeceu os Mellores Expedientes de centros de ensino medio de Galicia nun acto conmemorativo celebrado este xoves 23 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Os homenaxeados neste acto son as 681 mozas e 362 mozos que obtiveron unha cualificación superior a 9 na parte obrigatoria da Proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).

Na sesión recolleron os seus diplomas 20 estudantes en representación dos mellores expedientes, que acudiron acompañados dos seus familiares. Os demais homenaxeados/as estiveron presentes de forma virtual mediante o envío dunha fotografía, que permitiu xerar 75 orlas que foron proxectadas durante o acto. Cada un deles recibiu por correo postal nos seus respectivos domicilios o correspondente diploma conmemorativo e foi nomeado no acto presencial. 

En total, 1.043 estudantes procedentes da Coruña (473), Lugo (160), Ourense (91) e Pontevedra (319) foron os destinatarios deste recoñecemento presidido polo reitor da USC, Antonio López. Na sesión estiveron presentes tamén Xosé Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela; Olga López Racamonde, concelleira de Benestar, Inclusión e Terceira idade do Concello de Lugo; Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; e Celso Rodríguez Fernández, delegado do Reitor para o Ensino Medio. Participaron tamén coas súas intervencións Eva Sanmartín Vázquez, estudante do IES Basanta Silva de Vilalba, en representación do estudantado;  e Manuel Portas Fernández, director do IES Arcebispo Xelmirez I de Santiago de Compostela, en representación dos centros de Ensino Medio de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2023.